Xa á venda as entradas do Festival do Humor da Laracha
Tras unha década de éxitos e risas compartidas na que pasaron pola Casa da Cultura da Laracha cómicos de primeiro nivel do panorama galego e nacional, no mes de maio regresará á Laracha o Festival de Humor cunha 11ª edición que volve contar cun cartel de luxo.
Todas as funcións da 11ª edición do Festival de Humor serán na Casa da Cultura da Laracha a partir das 22:00 horas e ao prezo de 10 euros. As entradas estarán á venda a partir de hoxe martes na Casa do Concello.
Do mesmo xeito que nos anos anteriores o Concello, da man de Rababiero Promocións Artísticas, presenta unha programación variada e de alta calidade na que se abarcan diferentes estilos para ofrecer propostas adaptada aos gustos do público e que cada espectador poida desfrutar dunha experiencia única.
A primeira cita será o venres 2 de maio con Celso Fernández Sanmartín, un dos artistas habituais no Festival do Humor cun estilo propio e especialmente apreciado na Laracha. O poeta e contacontos pontevedrés chegará cunha versión renovada do seu espectáculo Contar, no que destacan as historias e memorias da tradición oral galega.
O que se estreará neste programa é Federico Pérez o día 9 con "Xa que o sabes, voucho contar (e cantar)", espectáculo no que pretende rirse de si mesmo e de que o espectador ría con el a través da historia da súa vida e cantando cancións populares galegas coñecidas por todos.
O venres 23 é a quenda para un show especial con Pepo Suevos e Manuel Manquiña baixo o título das míticas "Noites de retranca" coas que eles, xunto a outros cómicos, levan percorrendo quince anos os teatros de toda Galicia e de parte do territorio nacional.
Pecha o cartel Palo Capilla o día 30 con "¿Qué me estás container?", no que ela, exavogada e madre moza, moderna e independente, conta como é soportarse a si mesma e aos seus adolescentes mediante anécdotas verídicas. O monólogo compara as cousas do día a día dos anos 80 e 90 coa vida actual do seus fillos, o que fai que sexa un espectáculo acto para todos os públicos co que calquera pode sentirse identificado.