A Xunta tamén constata as eivas medioambientais do parque eólico Mouriños

Serra do Gontón, afectada polo futuro parque eólico Mouriños, parroquia de Canduas

Foron numerosas as entidades conservacionistas que alzaron a voz dende o pasado mes de xullo contra o proxecto do Parque Eólico de Mouriños, que afcta principalmente a Cabana e tamén lixeiramente a Zas.

Unhas críticas que chegaron á Valedora do Pobo, e das que tamén se fixeron eco os membros do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que alertou de varias eivas no proxecto ambiental do parque eólico Mouriños. Foi a Asociación Salvemos Cabana a que presentaba alegacións contra o informe de impacto ambiental, e a Xunta así o recolle.

O Servizo de Conservación da Natureza incide na “limitación nos estudos de fauna efectuados no estudo ambiental presentado en relación coa detección de especies protexidas” coma o alcaraván común, varios tipos de morcego, gataformela, a tartaraña e a escribenta das canaveiras. Sinalan ademais que deberían ter en conta as 6 especies que poderían star en perigo de extinción e outras 4 en estado “vulnerable”.

O ente tamén destaca a ”ausencia de análise de avaliación“ no estudo ambiental presentado debido á proximidade dunha Zona Especial de Conservación (ZEC) e unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Fai referencia á ”ausencia de fiabilidade“ do texto presentado ”no que respecta ao estudo de colisións das aves e morcegos contra os aeroxeradores“, e á ”falta de argumentos en relación a unha afirmación de gran calado recollida no estudo ambiental, relativa a que o ruído producido polos aeroxeradores -de 110 decibelios segundo o proxecto da empresa-, non terá ningunha incidencia na fauna, nin na súa distribución nin no seu comportamento“.

Por todas estas cousas, para as asociacións Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, e Cova Crea, “isto demostra que, do mesmo xeito que o proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II en Laxe, o Mouriños, entre Cabana de Bergantiños e Zas é ambientalmente inviable e, de autorizalo, o Executivo galego arríscase a arruinar para sempre unha zona que destaca polos seus elevados valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais”.

Novas relacionadas

Outras novas eólicas

 

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).