Adxudicadas as obras da nova senda peonil de Nantón

Imaxe da presentación da senda ante os usuarios de Íntegro

A Xunta acaba de adxudicar as obras dunha nova senda peonil de 1,5 quilómetros na estrada AC-552, ao paso por Nantón, en Cabana de Bergantiños, por importe de 356.106€. Esta actuación conta con financiamento de fondos europeos FEDER e as obras terán un prazo de execución de 6 meses.

Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., dá resposta ás necesidades en materia de seguridade e mobilidade sostible da veciñanza desta contorna, xa que ao longo deste tramo hai moitos equipamentos e servizos, polo que a senda favorecerá os desprazamentos seguros e cómodos dos veciños. A través do itinerario poderase acudir ao centro de saúde, á parada de autobús, á farmacia, ou ao campo de fútbol.

A senda permitirá facilitar tamén os desprazamentos seguros dos usuarios da Asociación Íntegro, dedicada a persoas con diversidade funcional, aos distintos servizos nesta contorna.  

Ademais da construción da propia senda, levaranse a cabo outras actuacións relativas á canalización de pluviais ou á instalación de telecomunicacións; e renovarase a sinalización.