A nova senda de Nantón será unha realidade en 2027
Outra senda peonil da Xunta para a comarca que cae nun concello gobernado polo PP. Como vén sendo xa un costume, o Plan de Sendas de Galicia ten unha clara cor azul na comarca bergantiñá. Neste caso, a Xunta investirá 420.000€ para facer unha nova senda peonil de 1,5 quilómetros na estrada AC-552, ao paso por Nantón, en Cabana de Bergantiños.
Unha infraestrutura moi necesaria que facilitará tamén os desprazamentos seguros dos usuarios da Asociación Íntegro, dedicada a persoas con diversidade funcional, aos distintos servizos nesta contorna.
Allegue explicou que tras a publicación onte no Diario Oficial de Galicia da aprobación definitiva do proxecto de construción desta senda, axilizaranse os trámites para licitar as obras no vindeiro mes de abril. Indicou que esta intervención ten un prazo de seis meses, polo que será unha realidade no ano 2027.
Sinalou que esta actuación dá resposta ás necesidades en materia de seguridade e mobilidade sostible da veciñanza desta contorna. Concretou que ao longo deste tramo hai moitos equipamentos e servizos, polo que a senda favorecerá os desprazamentos seguros e cómodos dos veciños. Detallou que a través desta senda se poderá acudir ao centro de saúde, á parada de autobús, á farmacia, ou ao campo de fútbol.
Ademais da construción da propia senda, levaranse a cabo outras actuacións relativas á canalización de pluviais ou á instalación de telecomunicacións; e renovarase a sinalización.