Íntegro afonda nunha real inclusión social cun curso de Limpeza para persoas con diversidade funcional

A verdadeira inclusión das persoas con diversidade funcional faise a través da formación para o emprego. E aí está Íntegro traballando arreo para conseguilo.

Un total de 7 persoas con diversidade e/ou situación de desemprego comezaron xa o curso de limpeza de superficies e mobiliario de edificios e locais nas instalacións de Íntegro en Nantón (Cabana), a través do Centro Especial de Emprego Máis Porvir Xestión Social S.L.U..

Un curso que se prolongará ata o vindeiro 12 de maio, e que serve de inmellorable oportunidade formativa para conseguir unha profesión digna e necesaria.

Consta dunha formación teórica específica en materia de limpeza (160 horas), ademais das correspondentes sesións prácticas en empresas (124horas), coas que completarán o período de aprendizaxe (284 horas). Unha vez rematado o curso, levarase a cabo un programa transversal para prestar apoio individualizado na busca activa de emprego co obxectivo de promover a inclusión laboral real dos alumnos e alumnas.

Trátase dunha acción formativa adaptada, incluída na convocatoria de axudas económicas de selección de operacións para o reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “UNO a UNO” da Fundación ONCE, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020.