O BNG de Cabana reclama a creación dun programa municipal de bolsas de estudo
O Bloque Nacionalista Galego de Cabana de Bergantiños vén de rexistrar novamente unha moción para a creación dun programa municipal de bolsas de estudo, dirixido ás familias con menos recursos económicos do municipio. Segundo indican os nacionalistas, esta proposta busca apoiar o acceso á educación nas etapas de infantil, primaria, secundaria, FP, bacharelato e estudos universitarios.
Esta iniciativa foi rexeitada no Pleno baixo a promesa de que o Concello poñería en marcha un sistema propio de axudas, indincan dende o BNG. "Porén, esa promesa quedou moi lonxe de cumprirse. As únicas bolsas convocadas foron destinadas exclusivamente a familias en risco de exclusión social, cunhas condicións tan esixentes que resultaron inasumibles para a maioría das familias. Chegouse ao punto de pedir os movementos bancarios das contas correntes, un requisito desproporcionado e intrusivo", sinalan. "Tanto foi así que, finalmente, non houbo nin unha soa solicitude a esas bolsas lanzadas polo Concello".
“Non nos opoñemos ás axudas específicas para situacións de vulnerabilidade —todo o contrario—, pero reclamamos un sistema de bolsas real e xusto, como xa existe na maioría dos concellos veciños”, explica Tatiana Rellán Castro, portavoz do BNG de Cabana.
Desde o BNG defenden que este programa municipal debe ser anual, accesible, e estar dotado con unha partida mínima de 50.000 euros nos orzamentos de 2025, podendo ser ampliada en función das solicitudes recibidas.
“A educación é un dereito fundamental, non un luxo. A suba do custo da vida, a dispersión xeográfica do noso concello e os recortes da Xunta fan imprescindible que desde o Concello se tomen medidas reais para garantir a igualdade de oportunidades”, engaden desde o grupo nacionalista.
O BNG confía en que o Pleno reconsidere a súa posición e que Cabana se sume así á maioría dos concellos da comarca que xa contan con programas municipais de bolsas de estudo pensados para axudar á maioría social.