Cabana vivirá un mes de marzo cargado de actividades culturais e educativas que se engloban baixo o lema "Inverno da Memoria".
O prato forte será os días 18, 19 e 20 marzo; datas nas que terá lugar o congreso literario "O Anllóns, cara o mar nun fluxo de culturas" e que se desenvolverá no centro arqueolóxico Dolmen de Dombate e no centro social de Neaño. Entre os invitados ao congreso literario figuran Manolo Rivas e o ex ministro César Antonio Muñoz Molina.
Este mes tamén se desenvolverá o programa "Mestres da Memoria" no que os escritores en lingua galega serán os protagonistas. Concretamente, o sábado 19 de marzo, terá lugar a entrega dos premios deste evento.
As actividades do concello de Cabana programadas para o mes de marzo tamén se dirixen aos escolares. Así, o venres día 11, os alumnos e alumnas do CPI As Revoltas e do CRA Os Remuíños recibirán a visita dos Bolechas. Uns días máis tarde, o 17 de marzo, o auditorio municipal acollerá o evento "Contos da memoria para os escolares" coa actuación de Daboapipa.
Visitas guiadas Dombate
O cambio de mes trae consigo un cambio nos horarios das visitas guiadas ao Dolmen de Dombate que, tras uns meses de incertidume volverán a ser dirixidas por Anxo Eiroa. Con motivo da entrada da tempada típica das excusións escolares da primavera o concello de Cabana ofrece o servizo de visitas guiadas durante os xoves, venres, sábados e domingos. Do 1 ao 18 de marzo, as visitas faranse polas mañás, en horario de 10:30 a 14 horas, e polas tardes, de 16 a 18:30 horas.
A partir do 19 de marzo e ata o 21 de xuño este servizo ofreceras de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Novas relacionadas