A cabanesa Alejandra Plaza representará a lingua materna no Schweizer Vorlesen Tag

Alejandra Plaza obradoiro
A xornalista galega Alejandra Plaza, achegará a lingua materna aos nenos e nenas nun día tan importante en Suíza.

O Schweizer Vorlesen Tag é un día de acción nacional que mostra a importancia e a fermosura da lectura para os nenos e nenas. Ao redor de 30 personalidades destacadas de toda Suíza están comprometidas este ano co día da lectura en voz alta. O Schweizer Vorlesen Tag aposta pola lectura regular que crea proximidade e apoia aos nenos e nenas no seu desenvolvemento. Aos nenos e nenas que se lles le a diario teñen un vocabulario máis amplo e aprenden a ler e a escribir con maior facilidade. O Instituto Suízo de Medios Infantís e Xuvenís SIKJH iniciou a xornada de lectura en cooperación con 20 Minuten.

Este ano a xornalista e escritora galega oriunda de Cabana de Bergantiños, Alejandra Plaza, aportará o seu grao de area dentro do marco das linguas maternas cun dos seus contos máis aclamados. Os nenos e nenas de 2 a 7 anos e, a través da representación española da Librería- Escola Ibercultura, poderán disfrutar da maxia dos bicos e apertas cun “Conxelador cheo de bicos”.

Ao finalizar o contacontos os rapaces e rapazas participantes reciclarán calcetíns vellos con Alejandra Plaza en Calcilandia para darlle vida aos calcicompis de Calcetina e Calceking, un par de calcetíns vellos que, en forma de bonecos, están recorrendo Europa en busca de novos amigos.

Todos aqueles que queiran participar na actividade en línea e gratuíta o próximo mércores 26 de maio ás 14:30 horas no obradoiro-contacontos deberán inscribirse a través dun correo electrónico en ibercultura@ibercultura.ch indicando o nome e a idade dos nenos e nenas participantes ao igual que da persoa adulta que os acompañará. Un día antes recibirán o enlace á plataforma zoom para acceder á actividade.