Dombate recibiu a visita de máis de 2.500 escolares no último trimestre de curso

Obradoiro de pintura rupestre nas visitas escolares a Dombate

As visitas escolares teñen que ser un dos grandes motores que sirvan para manter vivos espazos patrimoniais da Costa da Morte como o Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo ou o Dolmen de Dombate. Precisamente, na anta cabanesa, a catedral do megalitismo galego, das aproximadamente 30.000 visitas anuais, unhas 2.500 son de escolares, producidas no último trimestre de curso.

A maior parte dos estudantes proceden da provincia da Coruña, nomeadamente da Costa da Morte. Dende o pasado 1 de marzo, por exemplo, os que se achegaron ao Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate foron de Laxe, Carballo, Cee, Laracha, Fisterra… pero tamén da Coruña, Sanitago, Curtis ou Pontevedra.

Entre maio e abril, tamén houbo rapaces chegados de Arteixo, Val do Dubra, Narón, Coristanco, Santiago, Fisterra e Ponteceso, A Coruña, Cee, Vimianzo, Laxe, Ordes, Baio, Santiago, Santa Comba, Oza, Ames, Camariñas, Muros, Oleiros, Fene ou A Laracha. Como vemos, son moitos os centros da bisbarra que non desaproveitan a ocasión de trasladar aos seus pequenos milleiros de anos atrás.

Boa parte tiveron a oportunidade de participar en obradoiros gratuitos de cerámica, pintura, caza e tecido, entre outras disciplinas, impartidos por Galipat. A campaña foi desenvolvida en virtude do convenio do Concello de Cabana e a Deputación da Coruña.

Como ben sendo habitual moitos centros escolares repiten a experiencia todos os anos e aproveitan o desprazamento para descubrir o Castro de Borneiro. O obradoiro preferido polos alumnos de infantil é o de pintura, mentres que os de primaria se decantan pola cerámica e música, mentres que os de estudantes de secundaria escollen o taller de caza, que se desenvolve no campo anexo ao Dolmen de Dombate.

Un verán para visitar

Remata a campaña de visitas escolares pero a actividade no Dolmen de Dombate non cesa no verán. Ademais das visitas guiadas de día e de noite, Centro Arqueolóxico acollerá un amplo abano de actividades culturais nos meses de xullo e agosto.

Novas relacionadas