Formada a Comunidade Intermunicipal Costa Bergantiñá que unificará a xestión de residuos

Anunciabamos a súa creación aló por outrubro de 2012, pero xa se sabe que stas cousas supramunicipais e administrativas levan o seu tempo. Esta maña, a Deputación e os Concellos de Ponteceso, Malpica, Laxe e Cabana realizaban unha xuntanza na que asinaron o convenio marco polo que se rexerá a comunidade intermunicipal de prestación de servizos consorciados Costa Bergantiñá.

Os rexedores puxeron sobre a mesa que algúns dos temas nos que estudarán a posible colaboración serán a eficiencia enerxética, a xestión de residuos ou iniciativas deportivas ou culturais.

O presidente provincial Diego Clavo salientou que esta fórmula non supón a creación de ningún cargo nin entidade, e lembrou que o papel da Deputación nesta comunidade é de asesor e que “son os concellos os que deben tomar as decisións”. “O importante é darlles aos concellos unha ferramenta que lles permitirá compartir servizos abaratando custes e mellorando a calidade de vida dos seus veciños”, destacou.

Outras colaboracións

Esta é a segunda comunidade intermunicipal en asinar o convenio marco de regulación, despois de que fixeran o mesmo os concellos de Santa Comba, Negreira, A Baña e Val do Dubra na comunidade Xallas-Barcala-Dubra. A próxima incorporación será a de Lambre-Mandeo, formada polos municipios de Irixoa, Aranga, Monfero e Vilarmaior.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
  • Deputación.