Íntegro crea conciencia sobre a adopción animal cun calendario

A Asociación Íntegro de Persoas con Discapacidade da Costa da Morte vén de presentar o seu calendario solidario para o 2025. A temática escollida para a nova edición busca sensibilizar á poboación sobre a problemática do abandono animal e fomentar a adopción como unha alternativa ética e responsable. O calendario, elaborado grazas ao traballo colaborativo das persoas usuarias do centro, pretende dar visibilidade a realidade que viven os animais rescatados, así como recoñecer o labor inestimable das persoas e organizacións que lles dedican o seu tempo e esforzo.

Para a creación deste proxecto, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto a realidade do abandono animal. Como parte da experiencia, realizaron visitas a tres entidades que traballan activamente na protección e rescate de animais: XEA, Vila Regina e Acougo. Durante estas xornadas de convivencia e aprendizaxe, non só se familiarizaron cos casos reais de abandono, senón que tamén tiveron a oportunidade de compartir momentos entrañables posando ante as cámaras dos fotógrafos Ismael Vigo e Mili, capturando a esencia de cada animal e promovendo a súa adopción. Neste sentido, os responsables das diferentes entidades destacaron a sensibilidade e concienciación das persoas usuarias a prol dos animais e fixeron especial fincapé na importancia de recuperar as nosas raíces, a vida no rural, o contacto coa natureza, a nosa música e costumes...

 

O acto, que tivo lugar esta mesma mañá no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, contou coa presenza do presidente da entidade, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barreira; a coordinadora, Tania Bartucca Nión, traballadores/as, usuarios/as, entidades colaboradoras e fotógrafos participantes na edición deste ano. Ademais, o alcalde cabanés José Muíño e o edil Carlos Allo tamén estiveron presentes no evento.