Íntegro quece motores para unha nova edición da Andaina Solidaria

Imaxe da Andaina Solidaria do ano pasado

A asociación Íntegro e o centro especial de emprego Máis Porvir poñen en marcha, coa colaboración do Concello de Cabana, a terceira edición da andaina solidaria “Por un millón de pasos”, unha iniciativa que combina deporte, lecer e compromiso social, e que se celebrará o vindeiro sábado 25 de abril, a partir das 16:00 horas.

A andaina contará cun percorrido accesible de 4,5 quilómetros e de baixa dificultade, que permitirá a participación de persoas de todas as idades e condicións físicas. A ruta partirá da Praza de Canduas, continuará pola Praia do Curro e rematará na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, ofrecendo a posibilidade de gozar dunha contorna natural privilexiada.

Ademais, co obxectivo de fomentar a participación das familias e, especialmente, dos máis pequenos e pequenas, a organización ten previstas sorpresas e pequenos agasallos dirixidos ao público infantil, co propósito de facer da xornada unha experiencia aínda máis atractiva e divertida para todos os públicos. Deste xeito, Íntegro reforzará o carácter inclusivo e familiar da andaina, promovendo a implicación das novas xeracións en actividades saudables e solidarias.

Inscricións abertas

O prazo de inscrición xa está aberto. O prezo será de 5 euros para persoas adultas e de 3 euros para nenos e nenas ata 12 anos, incluíndo avituallamento. Ademais, quen o desexe poderá adquirir a camiseta conmemorativa do evento por 5 euros.

Para formalizar a inscrición, as persoas interesadas deberán cubrir este formulario online ou solicitar máis información a través dos teléfonos 981 734 985 ou 650 961 649, así como no correo electrónico info@integro.es.