Laxe revivíu a loita social contra a mina co documental Tesouro de Corcoesto
Cómpre non esquecer, e os movementos sociais serven precisamente para manternos informados e comprometidos. Por iso, a Asociación Ambiental Contramínate quere manter vivo o legado da loita social contra a mina de ouro de Corcoesto, e o pasado venres celebrou, ante os veciños de Laxe, e en colaboración co Concello, a proxección do documental Tesouro deCorcoesto, da directora Cora Peña.
Ao evento, que foi no Salón de Actos do Concello, acudiron veciños e turistas interesados tanto por coñecer a nova Asociación como pola temática do documental. Ó seu inicio e como presentación leuse un manifesto para dar a coñecer ós presentes de maneira mais sinxela as bases desta nova Asociación laxense. Logo disto proxectouse o documental seguido dun coloquio onde a directora relatou como foi a elaboración deste traballo e a sua importancia como medio de información sobre a problemática da megaminería a ceo aberto.
Un coloquio moi interesante, no que os asistentes puideron coñecer de primeira man como se xestou este documental, que nacía e medraba paralelamente á relevancia do movemento social. Unha documental posicionada, pero que enfoca o problema dende todas as visións, se ben denuncia a política dunha empresa que entrou en Bergantiños coa premisa de “Entrar, comprar e dividir”. Un evento social que deixa abertas moitas cicatrices abertas entre os propios veciños, como ben se fala nestas citas.
E para dar conta do interesantes que son estas citas, recuperamos este coloquio que tivo lugar o pasado mes de marzo nunha presentación da documental coa súa directora na Coruña:
Nova presentación
No mes de agosto proxectarase o documental en Corcoesto, de novo en Laxe para todos aqueles que non poideron velo nesta ocasión. A cita será o mércores 12 de agosto ás 20:30h de novo no Salón de Actos laxense.
Manifesto de Contramínate
A Asociación Ambiental Contraminate recen creada pretende dar continuidade ó traballo realizado pola veciñanza preocupada por un proxecto de megaminería a ceo aberto que no seu día puxo en perigo a saúde medioambiental da nosa comarca.
A Asociación ten como principal obxectivo a protección e recuperación do Medio Ambiente, sendo o concello de Laxe a nosa principal área de actuación. Tamén queremos fomentar o respecto, coidado e conservación da nosa contorna sendo un punto de encontro para o fomento da investigación e o debate, o intercambio de coñecementos, a formación de equipos de traballo e o desenvolvemento de iniciativas conxuntas. Tentamos ser un intermediario entre diferentes sectores da sociedade (político, económico e social) que fomente a información, a educación, o diálogo e a concertación con actitudes e actividades que persigan acadar modelos de convivencia e de desenvolvemento sostible á hora de actuar ante os problemas ambientais.
A Asociación non é máis que unha vía de expresión e definición específica que facilitará a comunicación da cidadanía coas institucións para dar solución aos problemas. Queremos defender o noso espazo vital e estar ante calquera nova situación que se presente como colectivo de persoas sensibilizadas polos problemas relacionados coa natureza.
Novas relacionadas
- As batatas, as novas inquilinas dos terreos da fallida mina de ouro de Corcoesto.
- Unha reflexión sobre a loita social bergantiñá na documental Tesouro de Corcoesto.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).