A mocidade de Cabana fórmase en actividades de ocio e tempo libre

O alumnado do curso nunha das actividades culturais

Durante o mes de decembro continúa o curso de monitorado de ocio e tempo libre organizado polo Concello de Cabana de Bergantiños e impartido pola escola de tempo libre Muu da Coruña. O alumnado gozou estes meses de formación práctica nas actividades culturais e benéficas do programa cultural do Concello, Outono do Patrimonio, como por exemplo, as visitas guiadas a diferentes puntos do municipio, a andaina solidaria contra o cancro e os obradoiros. Así mesmo, recibiron formación en artes e oficios tradicionais de Cabana da man do voluntariado senior no Centro Social de Neaño.

Nos vindeiros meses continúan as clases teóricas coas profesoras de Muu os sábados pola mañá na Casa da Cultura. Cando estas rematen en xuño, está previsto que o alumnado reciba de novo formación práctica en centros da comarca. Os participantes que completen a parte teórica e práctica obterán o título oficial da Xunta de Galicia que lles permitirá traballar no sector do ocio e o tempo libre se así o desexan.