Os máis pequenos de Cabana visitan a granxa ecolóxica Xanceda

Nenos e nenas da escola infantil "A casa dos títeres" de Cabana visitaron xunto cos seus pais a granxa ecolóxica Xanceda de Mesía O pasado sábado, os nenos e nenas da escola municipal infantil " A casa dos títeres" de Cabana visitaron - xunto cos seus país e nais - a granxa ecolóxica Xanceda, ubicada en Mesía, para coñecer o funcionamento dunha explotación agroganadeira e a importancia da alimentación natural nos animais. O equipo de educadores da escola cabanesa, programou esta excursión para que os cativos puideran romper a rutina da clase e vivir unha aventura excitante dunha viaxe a un marco natural para coñecer e darlles de comer a animais de granxa cos que normalmente non teñen contacto. Ademais na visita á granxa escola Xanceda nenos e pais aprenderon moitas cousas entre elas o que diferenza a agricultura ecolóxica doutros modelos de producir alimentos. Nesta explotación de Mesía as 350 vacas que teñen dispoñen de 200 hectáreas de terreo para alimentación e benestar, o que as diferenza moito doutras nas que os animais non ven a luz do sol en todo o día. Tamén que as vacas non deben comer ningún tipo de alimento que teña sido tratado con herbicidas e pesticidas ou que os abonos non poden ser químicos. Neste marco os nenos e nenas de “A Casa dos Títeres” puideron ver aos animais pastando libres nas pradarías e achegarse cos monitores da visita a eles, para poder tocalos. A valoración de todos os integrantes da excursión foi moi positiva polo que pretenden repetila en vindeiras ocasións. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Cabana