Os veciños de Canduas maniféstanse contra as expropiacións en favor dos “amigos” do alcalde

 

Este vindeiro sábado 23, a partir das 11:30h, os veciños de Cabana van realizar unha concentración pacífica diante da Casa do Concello. A Asociación de Veciños Fonte, de Canduas, chama a toda a veciñanza a protestar polas expropiacións forzosas que está realizando o Concello, supostamente para favorecer novas construcións.

Unhas expropiacións que o presidente da entidade Fernando Garcia Varela, tilda de “espolio urbanístico”, e de aí que chame á mobilización en solidariedade coas familias afectadas.

Segundo explica García Varela, “a golpe de acordo plenario está expropiar terreos á veciñanza no lugar das Revoltas (Canduas), para dotar de acceso a chalés que non o teñen, que nacen froito da especulación urbanística e de infrinxir o PXOM. Xa non se lle debería ter dado licenza de obra no seu momento, porque non ten accesos e non reunía os requisitos necesarios para ser edificada”, explica.

Os veciños levarán un par de pancartas que piden ademais a dimisión do alcalde: “Non á expropiación a favor dos amigo” e “Non ao espolio urbanístico”.

Novas relacionadas