1000 quilos de peixe de Camariñas requisados en Vimianzo

Axentes do servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Policía Autonómica, realizaron hoxe un operativo conxunto que se saldou co comiso de 980 quilos de distintas especies de peixe en Vimianzo.

A mercadoría comisada estaba nunha furgoneta que partiu do porto de Camariñas e tiña como destino a lonxa de Marín. Os axentes pararon o vehículo en Vimianzo nun control de comercialización por estrada e requisáronlle a mercadoría que transportaba debido a que esa cantidade de peixe non constaba no documento de transporte.

En concreto a mercadoría comisada polos axentes foi 325 quilos de rapante, 295 quilos de pescada, 195 quilos de xurelo e 165 quilos de pota. Posteriormente o peixe foi subastado en lonxa sendo os cartos resultantes da poxa para as arcas públicas.

Operativo en Muros

A maiores, en Muros, os Gardacostas e a Policía Autonómica realizaron outro operativo de control de comercialización e do furtivismo por estrada e na praia, que se saldou coa identificación de 2 furtivos aos que os axentes lle incautaron 2 raños.

En total, no control de estrada realizado en Muros e no realizado en Vimianzo, os axentes da Policía Autonómica pararon e inspeccionaron 75 vehículos e identificaron a 110 persoas.

Novas relacionadas