Martes. 19.03.2024
El tiempo

Un plan, dende a Costa da Morte, para recuperar a pesca artesanal en Europa

Un plan, dende a Costa da Morte, para recuperar a pesca artesanal en Europa

Se cando incidimos na potencia desta entidade é por algo. Unha pequena asociación, nada na Costa da Morte, pero con capacidade de unir ecoloxistas e políticos a nivel estatal, e comprometer ao goberno dinamarqués para coa pesca artesanal e mesmo levar a voz dos sector ao Parlamento Europeo.
Todo isto ademais de traballar a pé de mar, con xornadas voluntarias de limpeza das rías, exercicios de salvamento marítimo cos pescadores ou ">xornadas de divulgación do medio mariño nas escolas.

E inmersos nun marco de crise na pesca de baixura, a entidade propon un "Plan de Dinamización Produtivo" para o sector do sector mariñeiro, da pesca de baixura. Un plan que será enviado aos parlamentarios, partidos políticos, grupos ecoloxistas, e aos diversos sectores produtivos, que incide na mellora e creación de emprego no marisqueo, pesca artesanal e acuicultura tradicional en Galicia.

Plan de Dinamización Produtivo – Económico e de Mellora e Creación de Emprego no Marisqueo, Pesca Artesanal e Acuicultura Tradicional en Galicia

Neste Plan resáltanse os aspectos productivo-económicos de cada un de estes subsectores, analizando pormenorizadamente a situación que atravesa cada un deles, enumerando os factores e as causas que veñen provocando esta situación de declive e ofrecendo liñas de actuación concretas que permitan o desenvolvemento e a creación de emprego nestes subsectores tan importantes na nosa Comunidade Autónoma.

Marisqueo

Así, no marisqueo tradicional de bivalvos en area, destacar a baixísima rendabilidade extractiva calculando que anualmente se extraen 90 gr/m2, confirmado en diferentes traballos científicos, nos que se estimaba que so se extraía o 6,6 % do potencial existente nos bancos marisqueiros. Asemade, existe unha tendencia descendente e un declive produtivo nestes últimos anos, así si no ano 2008 a produción foi de 8.954.842,98 kg., no pasado ano 2011 esta cifra descende a 6.818.246,54 kg. A este factor hai que engadir o continuo descenso dos prezos de venda a partir do 2007, así si no 2008 se facturaban un total de 66.406.479,07 €, no ano 2011 esta cifra é de 56.097.687,69 €. A esta situación de declive hai que engadirlle que no presente ano suprimíronse as axudas aos mariscadores afectados polas zonas C, que en total supoñían unha facturación sobreengadida de 6 millóns de €.

Pesca artesanal

Do mesmo xeito, a pesca artesanal galega, ven xerando unha tendencia de recesión produtiva e económica nestes últimos anos. Cabe subliñar ademais a baixa capacidade extractiva nun dos ecosistemas mariños máis produtivos do mundo, así como exemplo calcúlase, tendo en conta que a superficie a explotar nas augas da nosas comunidade é superior a 4.000 km2 e que anualmente se capturan un máximo de 2.500 toneladas, que a pesca artesanal galega captura anualmente un polbo cada 2.000 m2. Esta baixa rendabilidade extractiva mostra un sistema de xestión pouco eficiente, con moitas deficiencias como a falta de datos científicos sobre as especies e stocks comerciais. Por si fora pouco, a este declive produtivo, engádeselle un retroceso no valor real dos prezos de primeira venda, provocando unha diminución da facturación e por tanto unha minoración económica na renda dos mariñeiros galegos e as súas familias. A todo isto hai que engadir que nestes últimos anos incrementáronse os custes aos que teñen que facer fronte estas embarcacións (compra e revisión de equipos de seguridade, aumento no prezo do gasóleo, así como outros gastos derivados de novas normativas como a obrigación dun seguro propio coa correspondente eliminación do seguro colectivo do mar, etc.). Por último cabe plantexar a frustación que está a supoñer o proceso de reforma da PPC, que ameaza con esquecerse unha vez máis da pesca artesanal.

Cultivo de ameixa

E de destacar, ademais, a grave situación na que se encontran os parques de cultivo de ameixas en area ou o sector mexilloeiro galego. Así no primeiro caso, a pesares de ter desenvolto dende fai anos, de forma autóctona e independente a súa tecnoloxía de cultivo, a través de criadoiros e bateas de preengorde propias, sementes e marca propia, depuradora propia ou centros de venda propia, constátase unha descenso da produción nos últimos anos bastante preocupante; así si no ano 2008 se acadaba unha produción de arredor de 5 millóns de kg, nos anos 2009 e 2010, non chega aos 2 millóns e medio. A estes datos, hai que engadir unha forte caída no prezo dos produtos, constatada a partires do 2007; así se no ano 2006 o prezo medio dos bivalvos cultivados era de 8,50 €, no 2008, 2009 e 2010 este prezo medio apenas supera os 6 €. Cabe resaltar a riqueza de emprego e as posibilidades de crecemento deste subsector, grazas a súa capacidade de desenvolvemento, que se viu freada polo bloqueo da Consellería do Mar.

Mexillón

Outro dos subsectores que se encontra en continuo declive é o sector cultivador de mexillón en batea, que a pasares da súa gran capacidade produtiva e de facturación, cun volume anual de entre 120 e 150 millóns de euros, ve diminuída a súa produción de preto de 300.000 Tm. anuais, a 200.00 Tm., a partires do 2007. Esta situación responde a unha drástica redución dos pedidos de industria, cunha perda de produción de máis de 100.000 Tm., que veñen a coincidir, curiosamente, co incremento de máis de 100.000 Tm. de produto importado, e con aranceis 0, froito do convenio entre a UE e Chile. A situación aminórase co medre das vendas en fresco, pero a súa rendabilidade vese lastrada pola diminución no prezo do produto, que ve como o prezo medio de venda, pasa dos 0,61 € no 2006, aos 0,43 € no 2010. Froito de todo elo resulta un cadro económico moi preocupante, xa que os datos económicos do 2010 so presentan o 63% dos datos económicos do 2006. De todo elo podemos deducir que os principais factores que inciden neste declive son: os descensos dos prezos da venda en fresco, a aposta polo aprovisionamento de produto foráneo, o apoio da Consellería a esta estratexia de aprovisionamento, ou a falla de profundización e definición das características alimentarias e de nutrición do produto ou marca: mexillón de Galicia.

Solucións

Ante esta situación de declive dos principais subsectores da pesca galega e a permanente perda de emprego, manifestado na continua diminución de unidades de flota, ademais de unha importante redución anual nos permex, é preciso cambiar de rumbo e iniciar unha vía de desenvolvemento diferente que comprenda as seguintes liñas de actuación:

  • Primar a recuperación e crecemento da produción e redución de custes. Esta liña implica, entre outros, a creación de Mesas de Traballo dos sectores produtivos.
  • Creación dunha Mesa de Prezos Funcional e Democrática.
  • Implementar unha liña de investigación-promoción profunda de diferenciación e especificación da calidade dos produtos mariños frescos de Galicia.
  • Apoiar dende a Administración a construción do cooperativismo moderno neste subsectores, única vía de crear organizacións eficaces e autónomas no mundo do mar galego.
  • Reactivar e poñer en funcionamento as estruturas tecnolóxicas, de xestión e vixilancia e proxectos I+D+I.
  • Elaborar un programa real de recuperación rápida e efectiva de auga e ecosistemas mariños.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios