700.000€ para a mellora do paseo da Ponte do Porto

Imaxe do remate da primeira fase de actuación na travesía da Ponte do Porto de 202
  • As obras inclúen a construción de novas beirarrúas, firmes e a pavimentacións da estrada

Xa se realizou en 2020 unha actuación importante no paseo da Ponte do Porto. Un paseo que se completará coa nova obra que vén de licitar a Deputación, por un total de 732.542 euros para a mellora da DP-1603 ó seu paso pola Travesía que une a Ponte do Porto (Camariñas) e Cereixo (Vimianzo). As obras comprenden unha lonxitude de 400 metros, entre os PQ 0.330 e PQ 0.740, ao carón amplo paseo á beira da ría do Porto.

As baldosas do paseo presentan un deterioro importante causado polo paso do tempo e igualmente o firme da estrada, que está irregular e desgastado.

As obras consistirán na demolición das beirarrúas e bordos existentes e unha nova distribución das zonas axardinadas para construír despois as novas beirarrúas mediante o emprego de formigón continuo. Na zona do paseo prevese a reposición cun firme de formigón impreso.

As obras contemplan tamén a reordenación da praza de San Roque coa colocación dun enlousado de pedra granítica abrindo a fonte e a praza ao seu contorno.