A Xunta tampouco asume a creación dun Centro de Día en Camariñas

Reunion da alcaldesa de Camarinas coa Conselleira de Politica Social

Xa coñecemos as negativas da Xunta a crear os centros de Día en Ponteceso e en Corcubión, a pesar da evidente necesidade que teñen as nosas comarcas. Baixo o argumento de que en Cabana e Muros xa hai centros semellantes a Xunta evádese de responsabilidades ante peticións concellos de goberno socialista.

Algo semellante pasa en Camariñas, onde veñen tamén de ratificar “a falta de compromiso da Xunta” ante a petición da construción dun Centro de Día. Onte reuníanse a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o segundo tenente de alcalde, Juan Carlos Canosa, e a traballadora social do Concello, María Pérez, coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Pero a resposta foi negativa.

Así, ante a inacción da Xunta, o goberno local comezará a buscar apoios noutras institucións máis achegadas como a Deputación da Coruña ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte.

Outras cuestións

No encontro tamén se trataron outros temas de interese para o municipio, como a creación dun comedor na gardería. A conselleira comprometeuse a incluír na convocatoria do próximo curso este servizo para Camariñas. Ademais, tamén se acordou que a Xunta de Galicia se encargue da renovación das infraestruturas da gardería, que actualmente presenta problemas de humidade, e solicitouse que se aumentasen o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar xa que Camariñas conta cunha lista de espera de 24 persoas.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/a-xunta-tamen-rexeita-construir-unha-residencia-e-centro-de-dia-en-ponteceso-e-invita-ao-concello-a-abrir-un-privado/