A Xunta tampouco asume a creación dun Centro de Día en Camariñas


Xa coñecemos as negativas da Xunta a crear os centros de Día en Ponteceso e en Corcubión, a pesar da evidente necesidade que teñen as nosas comarcas. Baixo o argumento de que en Cabana e Muros xa hai centros semellantes a Xunta evádese de responsabilidades ante peticións concellos de goberno socialista.
Algo semellante pasa en Camariñas, onde veñen tamén de ratificar “a falta de compromiso da Xunta” ante a petición da construción dun Centro de Día. Onte reuníanse a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o segundo tenente de alcalde, Juan Carlos Canosa, e a traballadora social do Concello, María Pérez, coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Pero a resposta foi negativa.
Así, ante a inacción da Xunta, o goberno local comezará a buscar apoios noutras institucións máis achegadas como a Deputación da Coruña ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte.