O 'asento' de Camariñas invade as ondas comunitarias da Coruña

Os camariñáns Víctor Fdez. e Iván Pensado en CUAC FM

Víctor Fernández (Camariñas, 1991) e Iván Pensado (Camariñas, 1992) están traspasando as fronteiras das ondas e das redes. O seu programa “Estrelados na Estratosfera” en CUAC FM, está tendo unha especial incidencia despois da entrevista realizada ao bombeiro Juan Fariñas na que debulla as incongruencias que sofre o país en materia antiincendios.

A Víctor, Filólogo, xa o coñecemos de proxectos como aquela serie de entrevistas a persoeiros #EuSonCamariñas. Iván é biólogo, e tamén fixera cousas no youtube. Hai xa un tempo que empezaron a facer un podcast dende a casa “e logo descubrimos @CuacFM, a radio comunitaria da Coruña, polos anuncios dos buses, así que fomos. A radio pareceunos un bo modo, sinxelo e accesible, para dar a nosa mensaxe. CUAC FM, ademáis facilitounos moito as cousas. A verdade é que son xente que che acolle como se foras un máis, unha familia, e as instalacións son unha pasada”, relatan.

Levan dende marzo emitindo, de forma quincenal, pola 103.4FM das ondas coruñesas e pola rede. Ademais do lume, falan tamén no último programa de emigración cun rapaz arxentino cuio avó era galego, e que volveu a Galicia cun programa da Xunta.

”Os temas que tratamos son variados, vinculados sempre con Galicia e moitas veces coa Costa da Morte. Temos falado de naufraxios, das sanadoras da nosa comarca… son cousas que nos interesan e gardan relación con Galicia e a súa cultura ou coa nosa xeración, os millenials”, explica Víctor.

O nome “Estrelados na estratosfera”

O curioso nome do podcast ten o seu sentido. “A nai de Iván chámase Estrella e a miña Cielo”, explica Víctor. “Queríamos involucralas, polo que inventamos aí. Estrella dou estrellados, e Cielo non daba pé, así que demos con Estratosfera. Así, o programa ambiéntase nunha nave que flota polo espazo, e os seus tripulantes matan o tempo facendo un podcast. O curioso é que semanas despois unha nave quedaría no espazo sen poder baixara e e estiveron meses así. Fomos un pouco os simpsons”, chancea.