Os bares de Camelle apostan polos Pinchos Saudables

O médico de Camelle, Fernando Cuadrado, xunto á Asociación A Pergoliña e o Concello de Camariñas, impulsan a segunda edición das Xornadas dos Pinchos Sausables de Camelle. Unhas xornadas que teñen o claro obxectivo de demostrar que a costume de ir ao bar pode ser compatible cuns hábitos de vida saudables.

Tras o éxito do ano pasado, cando se celebrou a primeira edición destas Xornadas de Pinchos Saudables, os veciños e veciñas de Camelle solicitáronlle ao seu doutor que repetise unha iniciativa que xera movemento e visitas á parroquia de Camelle en xeral e á súa hostalaría en particular.

Este ano participarán catro establecementos: Estanco, Café Bar A Molinera (só abrirá sábado e domingo), Bar Rotterdam e Café Bar Marítimo. Servirase un pincho diferente por día en cada bar, e todos serán saudables, evitando sempre os fritos e apostando polas verduras, frutas, etc.

Para todos aqueles que completen os catro bares e entreguen a cartilla debidamente marcada haberá un regalo sorpresa que correrá a cargo do Concello de Camariñas. Ademais, tamén entrarán nun sorteo dun vale de 100 euros.

Cuadrado explicou que “grazas á colaboración coa farmacia de Camelle, en cada bar poderá atoparse unha guía de consellos para complementar estes hábitos de vida saudables, como pode ser beber auga constamente, camiñar…”.

Novas relacionadas