Martes. 19.03.2024
El tiempo

O comedor do CEIP Os Muíños: Tres anos ofrecendo comida saudable e apostando polos produtos de aquí

Sandra Varela, cociñeira do CEIP Os Muíños, é a impulsora da iniciativa.
A cociñeira do CEIP Os Muíños, Sandra Varela, é a impulsora da iniciativa- -Fotos de Paula Castiñeira.
O comedor do CEIP Os Muíños: Tres anos ofrecendo comida saudable e apostando polos produtos de aquí

Todos coñecemos os beneficios que brinda unha alimentación saudable onde as froitas e verduras son as protagonistas. E moito máis cando se trata de nenos, onde unha boa nutrición é fundamental para un bo crecemento. Algo que pode parecer moi básico non se está a cumprir en moitos centros escolares do país, ofrecendo ás criaturas unha comida baseada en produtos conxelados, conservas e onde abundan e exceden o número máximo de calorías ou hidratos de carbono das comidas diarias recomendadas para rapaces. Mais hai un colexio na Costa da Morte que se deu conta de todo isto e decidiu tomar cartas no asunto: o CEIP Os Muíños.

O comedor escolar deste centro educativo do Concello de Muxía leva xa tres anos ofrecendo aos rapaces menús sans e equilibrados elaborados con produtos de temporada de produtores da zona. Unha maneira de mellorar a alimentación dos seus alumnos á vez que axuda á economía do rural.

Tal concienciación non xurdiu dun día para outro, senón que foi froito dun longo proceso no que, coa sucesión de pequenas accións, acabou resultando esta iniciativa. Segundo explica Aurelia Picallo, directora do CEIP, dende hai moitos anos no colexio contan cunha cantidade de nenos con intolerancias, que son alérxicos a diversos alimentos ou incluso con enfermidades crónicas como a diabetes, polo que era fundamental coidar, non só a alimentación do comedor, senón tamén as merendas que traían os rapaces da casa.

Aurelia Picallo, directora do CEIP Os MuíñosAurelia Picallo, directora do CEIP Os Muíños.

Por iso, intentando evitar os cruces de alimentos entre os nenos, comezaron unha campaña dende o centro para pedirlle aos pais que comezasen a enviar alimentos saudables e evitando certos alimentos conflitivos como os froitos secos (unha das alerxias máis comúns), así como os doces e a bolería industrial.

O mesmo sucedeu cos aniversarios, onde por tradición os rapaces adoitaban traer algún paquete de caramelos ou gominolas para convidar aos compañeiros das aulas. “Que sucede? Que dentro desa aula tiñamos celíacos, diabéticos, incluso nenos con colesterol... Entón, volvemos a informar ás familias que había outras maneiras de celebración que non fose esa dento do centro, porque iso podía supoñer un problema á hora de controlalo. Ao principio, como pasa con todo, houbo reticencias, pero foise normalizando a situación”, indica Picallo.

Conseguir normalizar merendas saudables foi o primeiro paso, pero non quedou aí a cousa e deron un paso máis coa creación do “Proxecto Hortuxa” hai tres anos. Un proxecto no que recibiron asesoramento e formación por parte dunha nutricionista co fin de acometer hábitos saudables, comezando primeiramente por educar tanto ao persoal do centro coma aos alumnos á hora de reciclar e posteriormente concienciando aos rapaces con obradoiros sobre unha boa alimentación. Nesta parte chegaron incluso ás familias, ás que lles ofreceron charlas voluntarias de formación nas que se proporcionaron distintas pautas: como ler as etiquetas dos alimentos, a que tipo de ingredientes deberían darlles importancia e concienciar na busca do alimento natural en vez do precociñado.

Produtos de temporada e de cercanía

Ao mesmo tempo do Proxecto Hortuxa, paralelamente os menús que foron ofertando no comedor foron cambiando paulatinamente cara un modelo moito máis saudable grazas á iniciativa da cociñeira do centro, Sandra Varela, quen leva participado en cursos de formación nos que se tratan precisamente estas cuestións e en talleres de Menjandors Ecologics, pioneiros en España en realizar esta idea.

“Comecei a preocuparme un pouco máis e vin que había un exceso brutal de proteína, de hidratos e escasísima verdura. Nos comedores non se estaba comendo nin 20 gramos de verdura diaria”, explica Varela. Segundo comenta, na Coruña formouse unha plataforma de comedores escolares que apostaban polo cambio. Ela interesouse pola súa posta en marcha e puido comprobar que este modelo era totalmente viable, pois agora mesmo xa hai 13 centros na cidade que implantaron esta iniciativa nos seus comedores.

A cociñeira do CEIP OS Muíños, Sandra Varela, coa axudante de cociña, Asunción Mosqueira.A cociñeira do CEIP OS Muíños, Sandra Varela, coa axudante de cociña, Asunción Mosqueira.

“A raíz de ver como están a conseguir na Coruña pois decidín propoñelo aquí na Costa da Morte da man do GDR, porque claro, fai falta apoio económico e eu non tiña a capacidade de mover á xente toda dos centros”, indica Varela. Deste xeito, no CEIP Os Muíños decidiron unirse tamén a ese cambio e conseguiron instaurar, despois dun longo proceso, menús nos que os primeiros pratos non tivesen proteína, só nos segundos, comezar a utilizar máis a proteína vexetal e variar entre a carne, o peixe e os ovos ademais de ofrecer máis cantidade de froita nos postres e non abusar tanto dos lácteos.

Neste centro hai tres anos que eliminamos todos os botes e todos os conxelados. Traballamos só produto de proximidade e de temporada e pasamos de comer, cando eu comecei, de 20 gramos de verdura diaria a 100, incluso algún día máis por neno”, indica a propia Varela, quen comezou a controlar este tipo de cousas grazas á creación de fichas técnicas que permiten que os nenos non excedan a cantidade recomendable de proteínas ou hidratos que deberían comer.

Un camiño complicado, pero satisfactorio

Realizar un cambio así, está claro que non é nada fácil, e no centro o teñen moi presente, por iso todos os cambios que se foron facendo cara este modelo foron implementándose pouco a pouco para que os rapaces non notasen ese salto tan evidente. A gran maioría dos rapaces lograron adaptarse satisfactoriamente ao cambio e recoñecen que unha alimentación sá e necesaria para eles. Porén, coma nos pasa a todos, hai algúns nenos aos que non lles gustan certos pratos, ou incluso dase o caso de rapaces que entran no centro e non probaron nunca antes as verduras nin as legumes. Para estes casos, segundo explican, comeza a denominada “negociación”.

“Nos pratos sempre se sirve unha cantidade mínima. Ás veces, esa cantidade mínima non son capaces de comela. Os nenos non están habituados nin a todos os sabores, nin a todas as texturas dos alimentos. Entón, comprendemos que teñen que habituarse primeiro”, explica a directora, quen di que para conseguir que cando menos se habitúen a probar ditos alimentos, negocian con eles: “Ve o prato de lentellas, non é capaz de comelo. Vale, pois se o prato de lentellas é unha ración, imos intentar comer o primeiro día a cuarta parte. Que non lles gusta a ensalada de tempada que servimos de primeiro? Pois que proben polo menos un elemento de todos os que hai ou que proben un de cada. Despois pasamos so segundo e cargámolo máis, que sabes que o comen mellor”, indica Picallo.

Merendas saudables no ceip os muíños

Tamén os hai máis “cabezotas” que se negan a probar. Cando é así intentan disimularlle a comida ao mellor con trozos de pan. “Come leituga pero a leituga metida nun trozo de pan para que lle saiba máis a pan que a leituga”, declara Picallo.

Ás veces van medio enganados para que o proben. “Esta semana fíxenlles salsa de remolacha porque estamos en temporada e aínda non hai tomate ata finais de marzo polo menos. Os grandes xa saben que era de remolacha e cómeno perfectamente, pero os pequenos, unha vez que xa comeron o prato de espaguetes, pensaban que levaban salsa de tomate. Cando lles dis que é de remolacha, a primeira impresión é ‘bua, vou vomitar’, pero despois pensan e din, ‘espera, se me gustou, encantoume’. Entón, ao día seguinte xa din que está rica”, explica a cociñeira. Para Varela, unha das claves é interactuar cos rapaces e explicarlles as cousas. “Os nenos son nenos, pero non son tontos e se lles explicas as cousas enténdeno mellor”.

Esta iniciativa, tras xa varios anos en funcionamento, rematou tendo boa acollida tamén entre as familiar, mais sempre hai algún pai que non está tan dacordo. Varela ten claro que “a gusto de todos nunca vai estar. Eu podería chegar aquí e fritir salchichas e darllas aos rapaces, pero a miña conciencia non me deixaría e  vai haber pais preocupados que protesten. Eu sei que quero facer ben o meu traballo, estou aquí para facelo e prefiro facelo ben”.

Outros pais tamén teñen a idea de que unha comida saudable é equivalente a pasar fame, cando en verdade non é así, pois calculan a gramaxe necesaria para cada prato e os rapaces sempre poden repetir.

Moitos beneficios

Este modelo de alimentación, ademais de ser beneficioso para os propios nenos, tamén trae outros beneficios implícitos en varios aspectos, como o económico ou o social.

“Se se trata dunha zona rural como é a nosa, os propios nenos coñecen aos produtores da zona, entón xa saben que as patacas que entran ese día no comedor, ou as leitugas, ou as cenorias, son da nai de fulanito que está en terceiro. E o outro o trae o o veciño dos meus avós...Os propios pais e veciños dos nenos  son os que veñen ao cole a traer esos produtos, entón os nenos teñen unha cercanía con eles e saben que están comendo algo que é de alí. Créase unha comunidade e un vínculo social grande”, explica a directora do centro.

Por outro lado, en canto ao terreo económico, tamén fai que o colexio aforre en custes. “O feito de calcular a gramaxe do que fai falta para cada prato a cociñeira está aforrando produto e reducindo a cantidade de despedicio. Ao mesmo tempo, ao comprar produto directamente aos produtores, non tes intermediarios e sáeche máis económico e, por outro lado, como é produto de temporada, é máis barato”, indica Picallo.

Por outra banda, para a directora, esta tamén é unha boa forma de apoiar á zona e xerar riqueza, quen apunta que “cando compras directamente ao provedor, eu creo que favorecemos dalgunha maneira o mundo do sector primario, tanto da agricultura, como da gandaría, como da pesca... Que é un sector bastante castigado agora mesmo. Da a sensación de que estamos aportando algo a ese sector, que é do que se trata”.

Un “comedor km0”

Grazas a todos estes cambios e a gran labor que leva realizando durante anos e que segue a realizar a cociñeira do CEIP Os Muíños, Sandra Varela, o colexio está á espera de que lles concedan a certificación de “Comedor km0”, outorgada pola asociación internacional Slow Food. Esta mención tan só a reciben todos aqueles comedores nos que se poida demostrar que polo menos o 50% do produto que utilizan é produto de cercanía, cousa que xa fixeron no CEIP tras unha serie de comprobacións.

Cociña do ceip os muíños

Nós superamos esa porcentaxe. Empezando polo pan, que é galego feito nunha panadaría do concello e con centeo de Galicia; temos o peixe, as legumes, as verduras, que tamén son de aquí do Concello; o leite ven dunha granxa ecolóxica do Concello, igual que os iogures; ou os ovos, que son de Santa Clara de Zas”, explica a directora do centro. Mais, a pesares de utilizar unha gran parte dos produtos de aquí da zona, segue a haber outros, como o aceite ou as olivas, nos que é evidente que non son de aquí, ou algunhas froitas, que a aínda que llas compran a unha froitaría da zona, é imposible comprobar a súa trazabilidade.

Polo de agora, o CEIP Xacinto Amigo Lera, en Portomouro, é o único comedor escolar que goza desta certificación. Os Muíños sería o seguinte en chegar a dita mención, sendo o único en toda a Costa da Morte.

Con continuidade

No centro teñen claro que o propósito é o de seguir adiante con esta iniciativa e continuar no tempo. “Isto é algo que ao principio costa instaurar, pero que unha vez que o tes, se comprobas que funciona, non é difícil continuar traballando con estas actividades”, afirma Picallo.

Por outra abnda, dende o GDR e da man de Varela, están a intentar levar o proxecto a o resto de centros da zona. Esta anima a que se unan, pois a Costa da Morte conta cunha gran vantaxe con respecto á meirande parte de centros do resto do país: a maioría dos centros desfrutan de cociña propia.

Ao final, tal e como ilustrou Varela, “máis que un cambio, é volver atrás 20 ou 30 anos. Volver ao que facían antigamente as cociñeiras nos colexios con moitísimos máis nenos, que era coller o produtos que teñen máis cerca porque non tiñas a capacidade para transportar que hai hoxe. Os sistema foi cambiando, viñeron as modernidades da verdura conxelada, das croquetas feitas... Facilidades que ao final o que fan é atrasar no que é o plan alimenticio e de nutrición”, explica a cociñeira.

Comida no ceip os muiños

Polo de agora as expectativas son positivas para Varela, aínda que sabe que non será un camiño fácil. “Penso que temos que cambiar porque temos moita sorte. Nas demáis comunidades pasouse á cociña de catering e agora están volvendo a pelexar polas cociñas propias. Nós podemos partir de que xa temos as cociñas propias na Costa da Morte. Principalmente temos que cambiar polos nenos, porque estase vendo que se están dando casos de enfermidades de adultos en nenos, e outra, porque o rural estase despoboando e esta é unha maneira de que os produtores locais e a xente nova se poña a invertir e poida quedar a traballar na agricultura”, declara Varela. Unha suma de forzas necesaria para mellorar a saúde o futuro do rural.

Comentarios