O camariñán Juan de Lilium tende pontes coa lusofonía a través dos videoxogos

Juan Lilium impartindo unha charla

Leva dende 2021, a través da súa conta @lilium_ig, falando de manganime e videoxogos, en galego. Juan Antelo é natural de Camariñas, e xa forma parte dos ponentes habituais en feiras como o Ponte Friki ou o Pixel á Feira.

Aquela Nintendo DS que lle regalaron os seus pais cando era un cativo, abriulle un camiño que agora non para de explorar. Dende o primeiro que tivo nas mans, o Asterix e Obelix nos Xogos Olímpicos de DS, aos que máis cariño lle gardo daquela época, que son o Inazuma Eleven 2 e o Pokémon Diamante.

Deu o seu primeiro paso nas redes tras a pandemia cun amigo e desde 2022 continúa en solitario. “A miña idea era transformar esas "chapadas" que lle daba por audio ou por chamada aos meus colegas sobre anime ou videoxogos nunha "chapada" pero para todo o público”, explica.
Xa foi finalista dos Premios Youtubeiras, e de seguro que seguirá dando alegrías á rede.

Pontes coa lusofonía

Agora, este mestre de galego de Secundaria (sacou as oposicións tras estudiar Filoloxía Galega na USC) quere tecer pontes coa lusofonía. Faino a través da nova campaña da Asociación AGAL “Falo galego fala-me português”. Campaña pensada para promover o intercambio lingüístico entre os dous lados do Miño. Xa lanzou un vídeo “enfatizando na posibilidade da intercomprensión coa gheada e o seseo (de Camariñas, por suposto) por diante, que ás veces tendemos a pensar que nos afastan”:

 
 
 
 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A post shared by AGAL (@agalnh)

De onde vén esta relación coa lusofonía?

”Foi xurdindo naturalmente, no Bacharelato topei co reintegracionismo grazas á conta de @emgalego no Twitter e a partir de aí fun concibindo que era algo limitante pensar no galego en pequeniño cando a nosa mesma lingua histórica é unha das máis grandes do mundo (a máis falada no hemisferio sur)”, sinala.

Por que cres que cidadanía non se dá concienciado das posibilidades que se nos abren se nos abrimos a Portugal, Brasil, Angola...?

”Creo que no mundo actual tendemos a situar os nosos marcos dentro do que son os estados, non é normal que unha persoa de Tui acenda a tele e vexa noticias do que pasa en Lanzarote ou Melilla e non da actualidade de Chaves ou Valença que están ao lado", apunta.

"Isto provoca que teñamos moi pouco contacto co mundo lusófono, mais cando se dan estes contactos creo que a maior parte da xente entende que nos podemos comunicar coa nosa mesma fala, como di a campaña, é só pór un pouco o ouvido, todo vai no costume, do mesmo xeito que as novas xeracións entendemos mellor o español latino do que as as máis vellas, porque nos puxeron produtos nesa variedade desde crianzas".

"Voltando ao fío do que me preguntabas eu acho que especialmente o Brasil é un mundo enorme do que importar e exportar cultura, ás veces creo que non comprendemos a súa enorme dimensión, eu mesmo cheguei a 50.000 subscricións no YouTube grazas aos brasileiros que gostan dos meus vídeos de dobraxes. Ademais, na lusofonía sempre nos reciben con moito cariño, é moi comín que che deixen comentarios do tipo "que legal, cara, compreendo tudo!". Por outra banda, a xente de Portugal tamén adora recibir contidos desde Galiza. Eu mesmo colaborei cunha editora de manga de Portugal, a Sendai Editora, que envía os seus libros sen gasto de envío a Galiza. O que non podemos pretender é esperar quietos a que veña só o contacto coa lusofonía, temos que facer un pequeniño esforzo para vermos os froitos”.