Camariñas estreou a diversa presenza da Costa da Morte en Fitur
- A alcaldesa amosou o seu apoio aos armadores
Camariñas estreou a diversa presenza da Costa da Morte en Fitur, e fíxoo no posto de Turespaña, con este vídeo sobre a súa natureza máis salvaxe e, por suposto, a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.
O vídeo enmárcase nunha acción dentro da campaña ‘E ti... Encaixas no paraíso?’ que o goberno local iniciou hai uns anos para afianzar a Camariñas como destino turístico de referencia en Galicia e fóra das nosas fronteiras.
Ademais, tamén se deu a coñecer o cartel da trixésimo quinta edición da Mostra, que se celebrará, como sempre, en Semana Santa, do 1 ao 5 de abril baixo o lema ‘Onde o fío se converte en arte’, que pretende ilustrar que Camariñas é o punto de Galicia onde late con máis forza o corazón da artesanía.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, afirmou que “sen querer parecer esaxerada nin desmerecer ás anteriores, na miña opinión a deste ano é a campaña turística máis impactante que levamos a cabo desde o Concello”. “Porque Camariñas non só é arte no encaixe, tamén é arte esculpido pola natureza”, destacou.
“Se o ano pasado falábamos de Camariñas como un refuxio en xeral, para este 2026 queremos ser máis específicos, queremos levarvos ao epicentro da nosa natureza máis salvaxe, queremos poñer en valor a impresionante contorna de Trece, Reira e Vilán”, explicou a rexedora, que salientou que “non me canso de repetir que Camariñas é un paraíso pero é que a zona de Trece e Reira é algo doutro planeta, é un lugar onde o Atlántico non baña a costa, se non que a abraza con forza, é unha paisaxe sobrecolledora”.
A rexedora comentou que “non hai mellor forma de invitar a que nos veñan a coñecer que ensinando un anaco da nosa alma. Queremos que coñezades a nosa cultura, o noso modo de vida e os nosos paisaxes porque estamos convencidos de que unha vez que vexades a bravura do noso mar e a delicadeza do noso encaixe, será imposible que vos resistades a visitarnos”.
A Mostra
Sobre o cartel da Mostra, que representa o mapa de Galicia tecido con encaixe de Camariñas, indicou que “estamos ante unha data histórica, xa van trinta e cinco anos convertindo ao noso pobo na capital galega e nacional da moda en cada Semana Santa”. “O cartel que hoxe presentamos aquí representa perfectamente esa realidade e é unha homenaxe preciosa ás mans que forxaron e forxan a nosa identidade”, expresou.
Apoio aos armadores
A alcaldesa aproveitou a presentación para nunha lanzar un cabo en defensa do sector primario local. Durante o acto celebrado no stand de
Turespaña, un escenario clave para a proxección internacional, a rexedora interrompeu o discurso promocional turístico para lanzar unha mensaxe de apoio firme aos armadores e mariñeiros da localidade fronte aos recentes controis impostos por Bruxelas á flota artesanal.
"Porque falar do mar en Camariñas non é só falar de paisaxes idílicas, é falar de vida e sacrificio", asegurou Insua ante as autoridades e medios presentes. A alcaldesa cualificou as normativas comunitarias como unha mostra de descoñecemento da realidade da flota artesanal" e foi contundente respecto á seguridade dos traballadores: Non podemos esquecer onde estamos: Camariñas é Costa da Morte. Cando hai temporal, con olas de seis ou sete metros, obrigar a un barco a esperar catro horas na boca da ría para poder entrar a porto é poñer en xogo as súas vidas".