O Camiño dos Faros presente nunha das feiras máis importantes do mundo a través de axencias internacionais
O Camiño dos Faros segue ao seu ritmo. Sen necesidade de apoio institucional, e sen grandes investimentos en feiras, este produto turístico feito dende a sociedade civil continúa levando o nome da Costa da Morte polo Mundo.
Esta semana, de feito, estivo presente na Adventure Travel Show de Londres, unha das feiras turísticas máis importantes do mundo. E non foi porque a Asociación promotora se gastase unha millonada nun stand; está presente porque axencias de todo o planeta expoñen este produto pola súa maxia, pola súa calidade.
Desta volta foi a axencia On Foot Holydays, cuia portada de Facebook tamén é o “Lighthouse Way”, a que fixo un stand co Faro Vilán como un dos seus principais reclamos.
Un xeito de demostrar que o Camiño dos Faros é unha referencia internacional en materia de sendeirismo e viaxes de aventura.



