Camariñas, un novo Concello que dá aprobado os orzamentos
Teñen dificultade os Concellos da comarca para sacar adiante os Orzamentos. Camariñas súmase á lista de Carballo, Coristanco, Cee, Vimianzo, e A Laracha, trala aprobación no pleno deste venres, das contas presentadas polo goberno municipal. Cos votos a favor dos socialistas, o pleno aprobou un orzamento á alza de 6,6 millóns de euros para "blindar a estabilidade económica, o benestar social e o futuro da vila".
Destacan que se trata dunha "folla de ruta estratéxica centrada no coidado das persoas, a mellora continua das infraestruturas e a dinamización económica do municipio, garantindo ao mesmo tempo a saúde financeira e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria".
Valoran que as actuacións de protección e promoción social representan o 17,77% do total, destacando o esforzo no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que supón un investimento de case 1 millón de euros.
A dotación para o mantemento e mellora dos servizos públicos básicos (limpeza, recollida de residuos, salubridade, etc.) acada os 2.826.343,20 euros, representando o 42,57% do total. Se a isto sumamos a área social, máis do 60% do orzamento diríxese directamente a garantir a calidade de vida no municipio.
Así mesmo, a parte destinada ao fomento do deporte e á cultura ascende a 1.037.420,21 euros (un 15,62% do total). Neste eido, séguese apostando de forma decidida por eventos estratéxicos como a Mostra do Encaixe, fundamental tanto pola súa proxección internacional como polo beneficio económico directo que supón para o comercio e a hostalería local.
Investimentos para construír futuro
O anexo de investimentos duplícase con respecto ao exercicio anterior e ascende a 720.564,28 euros. Grazas ao esforzo do Concello e á captación de fondos doutras administracións, levaranse a cabo actuacións transformadoras en todas as parroquias:
En canto á mellora urbana e viaria: humanización das rúas Alcalde Noguera Patiño e Médico Tomás de Artaza, mellora de beirarrúas na Avenida da Coruña, e a reparación de vías afectadas polos incendios do verán de 2025, ademais da mellora de pavimentos no Allo, Tasaraño, Brea e Gándara en Xaviña.
No referente ao patrimonio e a cultura prevese unha achega municipal de 100.000 euros para a posta en marcha do Museo dos Naufraxios e a adquisición do Castelo do Soberano e de terreos na praia de Arou. Tamén a adquisición de fondos para a biblioteca municipal.
Ademais, están incluídos proxectos para a mellora de infraestruturas como a reforma da Cámara Agraria na Ponte do Porto, a construción da pista polideportiva no Areal e renovación dos parques e instalacións deportivas existentes.
Por último, en canto á xestión da débeda, o plan financeiro contempla a amortización de varios préstamos coa Deputación (PAI e POS) e a liquidación final do préstamo con Abanca, estimando unha reducida carga financeira en pasivos para este exercicio (85.298,45 euros)