sábado. 28.03.2026
El tiempo

Camariñas, un novo Concello que dá aprobado os orzamentos

Casa do Concello de Camarinas
Camariñas, un novo Concello que dá aprobado os orzamentos

Teñen dificultade os Concellos da comarca para sacar adiante os Orzamentos. Camariñas súmase á lista de Carballo, Coristanco, Cee, Vimianzo, e A Laracha, trala aprobación no pleno deste venres, das contas presentadas polo goberno municipal. Cos votos a favor dos socialistas, o pleno aprobou un orzamento á alza de 6,6 millóns de euros para "blindar a estabilidade económica, o benestar social e o futuro da vila".

Destacan que se trata dunha "folla de ruta estratéxica centrada no coidado das persoas, a mellora continua das infraestruturas e a dinamización económica do municipio, garantindo ao mesmo tempo a saúde financeira e o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria".

Valoran que as actuacións de protección e promoción social representan o 17,77% do total, destacando o esforzo no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que supón un investimento de case 1 millón de euros.

A dotación para o mantemento e mellora dos servizos públicos básicos (limpeza, recollida de residuos, salubridade, etc.) acada os 2.826.343,20 euros, representando o 42,57% do total. Se a isto sumamos a área social, máis do 60% do orzamento diríxese directamente a garantir a calidade de vida no municipio.

Así mesmo, a parte destinada ao fomento do deporte e á cultura ascende a 1.037.420,21 euros (un 15,62% do total). Neste eido, séguese apostando de forma decidida por eventos estratéxicos como a Mostra do Encaixe, fundamental tanto pola súa proxección internacional como polo beneficio económico directo que supón para o comercio e a hostalería local.

Cadro Orzamentos 2026 Concello Camarinas

Investimentos para construír futuro

O anexo de investimentos duplícase con respecto ao exercicio anterior e ascende a 720.564,28 euros. Grazas ao esforzo do Concello e á captación de fondos doutras administracións, levaranse a cabo actuacións transformadoras en todas as parroquias:

En canto á mellora urbana e viaria: humanización das rúas Alcalde Noguera Patiño e Médico Tomás de Artaza, mellora de beirarrúas na Avenida da Coruña, e a reparación de vías afectadas polos incendios do verán de 2025, ademais da mellora de pavimentos no Allo, Tasaraño, Brea e Gándara en Xaviña.

No referente ao patrimonio e a cultura prevese unha achega municipal de 100.000 euros para a posta en marcha do Museo dos Naufraxios e a adquisición do Castelo do Soberano e de terreos na praia de Arou. Tamén a  adquisición de fondos para a biblioteca municipal.

Ademais, están incluídos proxectos para a mellora de infraestruturas como a reforma da Cámara Agraria na Ponte do Porto, a construción da pista polideportiva no Areal e renovación dos parques e instalacións deportivas existentes.

Por último, en canto á xestión da débeda, o plan financeiro contempla a amortización de varios préstamos coa Deputación (PAI e POS) e a liquidación final do préstamo con Abanca, estimando unha reducida carga financeira en pasivos para este exercicio (85.298,45 euros)

Comentarios