Os Canóns do Soberano volveron a Camariñas

Instalando os canóns no Xardín d'O Percebe
O Pleno aprobou 5 mocións, e a Autoridade Portuaria vén de confirmar que vai rematar as obras de mellora da estrada ao Faro

Poucas pezas históricas volven unha vez que marcharon. Vivímolo unha e outra vez coas pezas atopados nos nosos fondos mariños. Desta volta, os canóns do Castelo do Soberano, marcharon para ser restaurados, e volveron, e xa están instalados no xardín diante d’O Percebe, en pleno paseo marítimo.

Nova vida para estes bens considerados dun alto valor patrimonial e que antes se atopaban resgardados no almacén municipal. A empresa encargada da restauración fixo un traballo de documentación e fotografiado dos canóns para coñecer con exactitude o seu estado de conservación e, posteriormente, poder elaborar unha proposta de intervención coas actuacións necesarias para restaurar os canóns que foi aprobada pola Dirección Xeral de Patrimonio antes de comezar a traballar.
No proxecto estaba incluído o seu estado orixinal e as actuacións a seguir para recuperalo completamente, que foron: limpeza dos canóns para eliminar a sucidade e a corrosión do ferro, aplicación dun tratamento para quitar a sal e, por último, consolidalos e protexelos para que non se deterioren.

O obxectivo é que, proximamente, poidan restaurarse os outros canóns restantes pero actualmente por motivos económicos non é posible realizar a actuación ao completo xa que o Concello fíxose cargo en solitario do financiamento dos traballos.

Pleno

O pleno do venres serviu para aprobar os seguintes puntos:

  • Aprobación definitiva do Estudo de Detalle para reaxuste de aliñacións no cuarteirón existente entre a Rúa da Rampa e o Paseo Marítimo de Camelle. Aprobado por unanimidade.
  • Aprobación de proxecto de obra de “Reurbanización das Rúa Ramón Noguera e Irmáns Fernández e ordenación do encontro coa Avda. da Coruña” e solicitude de subvención á Deputación Provincial. Aprobado por unanimidade.
  • probación da adhesión do Concello de Camariñas ao Convenio entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para articular a encomenda de xestión á Xunta de Galicia para atramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas Covid-19. Aprobado cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención do BNG.

Na quenda das mocións, a Moción do grupo municipal do BNG sobre as peaxes das autovías galegas foi probada por unanimidade. E a tamén presentada polo BNG en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación. Aprobada cos votos a favor de PSOE e BNG e en contra do PP.

Faro Vilán

Así mesmo, a Autoridade Portuaria vén de comunicar ao Concello a súa intención de rematar o proxecto de reparación da vía do Faro Vilán. Ademais, cando rematen as obras, se firme un convenio de cesión polo que o Concello asumirá a titularidade da vía.