Comezaron, por fin, as obras de humanización da Ponte do Porto

Pasou ano e medio despois do anuncio, e mesmo tivo que explicar o atraso aos veciños. O estado de alarma provocou unha nova demora, pero esta semana, a Deputación puido poñer comezo ás acondicionamento da travesía da Ponte do Porto.
Os técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña visitaron hoxe a zona xunto coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, como paso previo ao inicio da obra.

As obras, que contan cun orzamento de 400.446 euros, mellorarán a seguridade vial e a accesibilidade, realizando unha renovación integral do entorno da Ponte do Porto, cambiando integramente as beirarrúas, e creando zonas axardinadas e instalando nova iluminación e mobiliario urbano. Farase ademais un fresado da capa de rodaxe da estrada e a posterior reposición do pavimento con cinco centímetros de mestura bituminosa en quente.

Para humanizar o paseo da ría colocaranse árbores e bancos de pedra granítica, substituiranse os farois por uns novos de características similares aos xa existentes e disporanse novas luminarias empotradas ao longo do paseo de tecnoloxía LED.

Así mesmo, limparase con agua a presión o muro e a varanda, logrando deste xeito un aspecto renovado.

Segunda fase

Xa está rematada a redacción do proxecto técnico para a segunda fase das obras, que mellorará no futuro un segundo tramo que vai do punto quilómetrico 0+330 ao 0+740, unha lonxitude de 410 metros, cun investimento adicional de 493.156 euros.

Máis obras

O Concello comeza as obras de reparación e asfaltado da rúa Seara e das súas travesías. A actuación, que conta cun orzamento de preto de 40.000 euros, permitirá reparar e reasfaltar o pavimento da zona.

Doazón

Onte fíxose entrega da doazón aos voluntarios de AVPC Protección Civil Camariñas da achega económica que terían que recibir os concelleiros e concelleiras da corporación pola asistencia á sesión e que suma un total de 1.300 euros.


No acto de entrega, ademais da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o portavoz do PP, Mauricio Aufiero; e a portavoz do BNG, Ilva Carril, estiveron o presidente da Agrupación, Manolo Mouzo, e o seu tesoureiro, Jose Manuel Tedín.

 

Novas relacionadas