Importante proxecto de reurbanización para a Ponte do Porto


Estas semanas, Xan Fernández Carrera estanos contando a interesante historia da Ponte do Porto. Unha vila que tivo épocas de grandísimo esplendor, pero que pouco a pouco vai quedando no esquecemento. Esta semana, a deputación vén de facer público un importante proxecto de reurbanización, que conta cun investimento de 440.000€, que servirá para lavarlle a faciana á vila.
Moitas máis cousas fan falta na Ponte, pero ao longo destes meses levaranse a cabo obras para renovar as beirarrúas actuais, o alumeado público e crear novas zonas axardinadas, e prazas de aparcamento. A nova travesía estreará tamén mobiliario urbano, coa dotación de bancos de pedra granítica e a prantación de árbores Ginkgo Biloba. Algunhas das rúas nas que se acometerán obras son a rúa Novoa, a Rúa Río do Prado, a rúa Tras as Hortas ou a Rúa de Abaixo, en Arou, onde se instalará tamén un novo sistema de saneamento.
Valetín González e José Manuel Pequeño recordaron que a Deputación ten investido 5 millóns a través do Plan Único no Concello de Camariñas, entre elas a reurbanización da rúa Pinzón, recentemente rematada.
Centro de Día, demanda social
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, trasladou ao presidente provincial unha das principais demandas do goberno municipal: a creación dun centro de día para as persoas maiores do municipio e anunciou que nos próximos días solicitará unha entrevista coa nova conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, para trasladarlle esta demanda.
Visita á Casa de Man

A comitiva institucional aproveitou para visitar a Casa de Man en Camelle, cuxas obras de rehabilitación foron cofinanciadas pola institución provincial o pasado mes de febreiro.