O Concello de Camariñas anuncia que conta cun millón de remanente

Despois de varios anos de inestabilidade económica, o grupo de goberno de Camariñas quere destacar a melloría da situación. Seguindo as pautas marcadas polo Plan de Axuste, a liquidación do orzamento correspondente ao exercicio do 2024 arroxa que o Concello conta con remanente de tesourería de 951.104,87 euros.

”Esta cifra ven a confirmar a boa senda iniciada no ano 2023, cando se obtivo un remanente positivo de 747.580 euros”, aseguran dende o concello, que recoñece “o esforzo na xestión económica e o axuste de gastos acometidos polo goberno local fixeron posible obter estes resultados nos últimos dous anos, volvendo a reactivar unha tesourería municipal que no ano 2022 arroxaba un remanente negativo de -182.603,25 euros”.

Obras

Así mesmo, anuncian un investimento de 61.100 euros para mellorar a eficiencia enerxética da Casa do Mar de Camelle, a través da substitución e renovación das características térmicas das carpinterías exteriores do edificio.

A axuda da Xunta, financiada pola UE, será de 48.880 euros.

“O obxectivo é rehabilitar por completo a Casa do Mar e convertela nun espazo de ocio, respondendo así unha antiga demanda dos veciños e veciñas da parroquia”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.