Daniel Canosa dá as chaves en Camariñas para aproveitar os montes
Este viernes ás 18:00h na Casa de Pedra a Croa de Camariñas celebra outra das charlas organizadas onde se falará das posibilidades dos nosos montes, poñendo exemplos de que se está a facer noutras zonas e as principais axudas dispoñibles. O protagonista será Daniel Canosa Blanco, enxeñeiro forestal dumbriés, socio da APF A Croa e Técnico de Desenvolvemento Rural na Fundación Juana de Vega.
”Falaremos de como se poden valorizar os montes da nosa zona, explorando opcións diferentes, apoiándose na experiencia e boas prácticas de outros montes dispersos por Galicia”, explícanos o propio protagonista. A cita servirá para coñecer inciativas de montes como o de Baroña en Porto do Son, o de Carballo en Friol, ou o de Laza, Cimadevila e Souteliño en Laza, observando diversas experiencias e casuísticas.
”Outra parte importante é o financiamento para conseguir xestionar os nosos montes, e sobre ese tema trataremos falando de axudas dispoñibles, poñendo tamén exemplos de proxectos financiados a nivel europeo, estatal e galego”, explica.
Como está sendo a acollida a estas xornadas sobre os Montes?
”Sempre hai un aire derrotista cando se empeza neste tipo de montes, pero as cousas avanzan pouco a pouco e creo que se empeza a visualizar o traballo que se está facendo e a xente ten máis ilusión e ganas de participar. Destacaría a sorpresa que levei coa cantidade de xente involucrada que ten vinculación co seu monte e lles gustaría facer unha xestión efectiva, e aínda que hai moitos perfiles diferentes, todos colaboran dun ou doutro xeito e apréndense cousas interesantes. Hai personas maiores e novas, xente que coñece o monte e a súa historia, técnicos formados, xente con experiencia na comunicación, en actividades culturais, en cuestións administrativas, e xente que conoce a todo o mundo e é capaz de movilizalos”, explícanos.
”Camariñas, onde as parcelas de propiedade privada teñen un tamaño moi pequeno, moitas persoas teñen herdanzas perdidas e xa non residen na zona, e que ten un alto valor natural recoñecido coa consideración dentro da Rede Natura 2000, é un sitio moi interesante para tratar de facer algo en conxunto e xerar un monte vivo e disfrutar de todo o que nos aporta”.
Así, “con todo isto, para aproveitar o monte é importante apoiarse entre todos e recibir axuda para ver as posibilidades. A veces non é cuestión de querer plantar unha especie ou outra, e non ter apoio para saber como facelo, non verlle un camiño a outras ideas”.