En marcha os amistosos Certames de Relatos Curtos e Debuxos da Fundación Fernando Blanco

Despois da posta en marcha dos Certames da Biblioteca Municipal de Cee xa temos abertos tamén os da IV Edición do Concurso de Relatos e a III Edición do Concurso de Debuxos da Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee, entidade patrocinada por FerroAtlántica e polo Concello de Cee, e en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña e coa Estación de Servizo Bazarra. Ambos concursos están destinados ós/ás alumno/as dos centros educativos de 10 concellos da contorna (Carnota, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas).

O ano pasado xa vimos os mellores debuxos e os mellores Relatos da Fundación Fernando Blanco. Veremos como está o nivel este curso, que ten como tema principal, a Amizade.

Concurso de Relatos Curtos

Establécense dúas categorías:
- Categoría A (5o e 6o de Primaria)
- Categoría B (1o, 2o, 3o e 4o da ESO).

Os relatos deberán xirar en torno ó tema “A AMIZADE”. Os/As participantes deben centrar os seus traballos na relación afectiva que se pode establecer entre dous ou mais individuos, á cal están asociados valores como a lealtade, a solidariedade, a incondicionalidade, o amor, a sinceridade, o compromiso, entre outros, e que se cultiva co trato asiduo e o interese recíproco ao longo do tempo. Os relatos deberán estar escritos en lingua galega, e terán unha extensión máxima de 6 folios, confeccionados a ordenador, a dobre espazo e por unha soa cara (arial 12).
Entregaranse tres premios por categoría de 100, 75 e 50 euros, ademáis de diploma.

 

Concurso de Debuxos

Establécense dúas categorías:
- Categoría A (1o e 2o de Primaria)
- Categoría B (3o e 4o de Primaria)

Os debuxos deberán xirar en torno ó tema “A AMIZADE”. Cada participante poderá presentar un único debuxo (poderá facerse tamén unha sucesión de viñetas, a modo de cómic). A técnica será totalmente libre, podéndose empregar, por exemplo, acuarelas, ceras, témperas, lápices de cores, collage, etc. O debuxo deberá facerse en cartulina, formato DIN A4 ou DIN A3, vertical ou horizontal. Ningún traballo deberá ir enmarcado ou con montaxe especial. Ademáis deberá acompañarse cada debuxo cunha frase explicativa ou slogan. Entregaranse tres premios por categoría de material didáctico valorado en 50, 40 e 30 €, ademáis de diploma.

Máis información

En ambos concursos o prazo para a entrega dos traballos remata o 15 de maio, resolvéndose o concurso nun máximo de 45 días naturais contados dende a data límite de entrega. Para elo organizarase un acto de entrega de premios que será debidamente comunicado ós/ás premiados/as e ó público en xeral.

As bases completas do concurso poden descargarse na web www.museofernandoblanco.org (pestaña CONCURSOS 2016).

Novas relacionadas

Fonte

  • Darío Areas, Coordinador do Museo Fernando Blanco.