O IES Pedra da Aguia fortalecece o sentimento de pertenza afondando sobrea historia de Cereixo

Simposio sobre Cereixo no IES Pedra da Aguia 3

Ademais de viaxar por Europa, o IES Pedra da Aguia quere afondar nos seus arredores. E moi preto, ao outro lado do río Grande, en realidade, ten un tesouro patrimonial: Cereixo.

O centro deulle continuidade ao congreso estudantil sobre Cereixo celebrado o 15 de maio coa visita a Cereixo deste pasado venres 22 coa idea de reforzar a súa aposta polo patrimonio local. Unha iniciativa que reuniu alumnado, profesorado e comunidade nunha xornada marcada pola participación, a creatividade e a reivindicación da memoria local.

Simposio sobre Cereixo no IES Pedra da Aguia

A actividade desenvolveuse a través dunha ruta cultural con saída na Ponte do Porto e final en Cereixo, esa “terra bendita entre ríos, verde mapoula no val” coa que foi definida polo dramaturgo Francisco Taxes. Combinaron divulgación histórica e interpretación do territorio con diferentes intervencións artísticas realizadas polo alumnado. O percorrido permitiu poñer en valor tanto o patrimonio natural da ría como os elementos etnográficos e culturais que conforman a identidade desta zona da Costa da Morte.

 

Durante a xornada realizáronse explicacións sobre a historia e evolución da contorna, así como pequenas accións escénicas, musicais e performativas que converten o espazo público nun lugar de encontro entre educación, cultura e creación contemporánea. O congreso serviu tamén para reforzar a conexión do alumnado co territorio, seguindo a liña de traballo que o centro leva desenvolvendo nos últimos anos a través de proxectos vinculados á lingua, á memoria e ao patrimonio cultural da contorna.

As persoas interesadas poden consultar as actas do congreso na páxina web do instituto, onde se recollen os contidos, reflexións e materiais elaborados ao longo desta experiencia educativa e cultural que, por outra parte, tamén incluíu a recollida e tratamento de datos sobre o Encaixe de Camariñas, xa integrado no Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués do Instituto da Lingua Galega. 

Desde o instituto destacan o valor destas propostas “para aprender desde a experiencia directa e fortalecer o sentimento de pertenza á comunidade”, apostando por unha educación aberta ao entorno e comprometida coa conservación e difusión da cultura propia.