Man de Camelle expón no CGAC

Replica da Casa de Man de Camelle no CGAC

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde onte e ata o vindeiro 30 de agosto a mostra Museo (do ermitán) Man que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle.
A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man, entre 1969 e 1978. Inclúe ademais unha réplica a escala real da casa museo de Man e un documental inédito sobre a súa vida.

Moitas destas imaxes foron retocadas retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas. Tamén se expoñen documentos escritos con explicacións sobre a súa visión da arte ou debuxos realizados en papel por visitantes do seu xardín, así como anotacións en alemán, aforismos, comentarios filosóficos ou reflexións sobre a súa propia obra a modo de manifestos.

Complementariamente, no exterior haberá unha réplica a escala real da casa museo, realizada polos arquitectos Creus e Carrasco, responsables tamén da restauración da propia casa museo de Man en Camelle, e por un documental inédito sobre a súa vida rodado por Joan Mallarach na década dos 80. Trátase dunha peza que non foi rematada, que se perdeu no tempo e que agora, 39 anos despois, verá a luz grazas a esta exposición.