O marisqueo de Camariñas e de Corcubión volve enredar no Parlamento

A Directora de Desenvolvemento Pesqueiro entre a popular Paula Mouzo e o nacionalista Oscar Insua na Comisión de Pesca do Parlamento

Falouse este xoves na Comisión 8ª Pesca e Marisqueo do Parlamento Galego sobre o marisqueo da Costa da Morte. Concretamente sobre as zonas de Camariñas e Corcubión. O BNG levaba dúas preguntas, unha sobre os espazos cos que contan os para cambiarse mariscadores e mergulladores no porto de Corcubión; e outra sobre a crise do marisqueo de Camariñas.

O marisqueo de Camariñas

Preguntaba Oscar Insua pola falta de accións ante a crise que sobre o sector marisqueiro de Camariñas dende hai anos, cualificando de “desesperante” e “sen precedentes” a falta de recursos, así como de solucións e de apoio por parte da Consellería do Mar. Insua lembrou que os intentos de recuperación dos bancos marisqueiros “resultaron fallidos”, deixando ao colectivo nunha situación límite, sen ingresos e sen perspectivas de futuro. Criticou as declaracións por parte da Consellería e denuncia que “coa situación do marisqueo que hai en Galiza como vai haber relevo xeracional”. Insua preguntou directamente se as mariscadoras van ter algún ingreso do ISM neste Nadal.

Tocoulle defender á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, as accións levadas a cabo pola Consellería do Mar, asegurando que se actuou “desde o minuto un”, no ano 2014, tras detectarse a diminución da produción de bivalvos na enseada da Vasa e na desembocadura do río Grande, un fenómeno relacionado cos fortes temporais de 2013 e 2014, que romperon a barra de area que protexía a zona e alteraron profundamente a súa hidrodinámica.
A directora asegurou que todas medidas se adoptaron con base en estudos científicos que foron “sempre trasladados” á confraría, asegurou ante as críticas de ter ocultado os resultados que explicarían as causas da alta mortalidade do recurso.

A responsable autonómica debullou diversas actuacións de rexeneración intentadas como a remoción de substrato, o traslado de xuvenís e a limpeza de algas e depredadores, ademais da sementeira de unidades de ameixa fina, babosa e xaponesa en diferentes campañas. Nesta liña, sinalou que, só entre 2022 e 2024, se introduciron máis de 1,1 millóns de unidades de semente procedentes do CIMA, do minicriadeiro do Vicedo e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), ás que se suma a sementeira realizada en 2025 no banco da Canle Río da Ponte. A realidade é que polo de agora, nada ou case nada funciona.

Vázquez sinlaou “é prioridade” para a Consellería pero evitou nomear accións concretas e urxentes, como lle recriminou o BNG.

O Marisqueo de Corcubión

Preguntou tamén o parlamentario do BNG pola falta de espazo dos mergulladores e mariscadoras do porto de Corcubión, que apenas conta cun espazo de 4 metros cadrados para poder cambiarse.

A propia responsables de pesca, explicou que a obra do almacé de pesca construido pola confraría foi financiada pola Xunta con 65.230 euros, ao abeiro da orde destinada á modernización de infraestruturas portuarias, e que a obra se executou conforme ao proxecto aprobado e á normativa vixente. Unha acción que incluíu un espazo de almacenaxe, vestiarios, aseos e zona de arquivo para mellorar as condicións de traballo no porto.
Explicou que as obras foron promovidas pola ppropia Confraría e que a Consellería non recibira queixas.