O alumnado do IES Pedra da Aguia achégase á realidade política con tres ex parlamentarios

Foto de grupo do IES Pedra da Aguia con Parlamentarios

Non para o activo IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto. Este ano, ademais do proxecto solidario con Agareso e da súa continua implicación nas actividades en clave europea, recupera as sesións para achegar a realidade política ao alumnado.

Como xa fixeran outros anos, na mañá deste martes, tres exdeputados do Parlamento de Galicia visitaron o IES Pedra da Aguia de Camariñas, unha visita que se enmarca dentro do programa “Coñece as túas institucións” da Xunta de Galicia.

Marisol Soneira, Angel Mesa e Suso Veiga, veteranos xa nestes campos, representan ás actuais formacións políticas presentes no Parlamento de Galicia e compartiron co alumnado de 3º da ESO as súas experiencias como deputados autonómicos.

Suso Veiga faloulles dos catro niveis que existen na actualidade para a toma de decisións: local, autonómico, estatal e europeo, destacando a coordinación que existe entre todos eles.

A camariñá Marisol Soneira explicou o funcionamento do hemiciclo e destacou o traballo que alí se realiza, xa que gran parte do traballo local depende do que lexisla o parlamento galego.

Por último, Ángel Mesa fixo unha contundente defensa dos políticos, en tempos de tanto ruído como os que estamos a vivir, sinalando que o poder da palabra, a través do diálogo e do debate, debe primar sobre os movementos autoritarios e antidemocráticos que queren corrupto.

Os tres exdeputados remataron a súa intervención incidindo na necesidade de respectar a opinión dos demais, aínda que non sexa do noso agrado, e sobre a educación como arma de progreso para evitar caer en tendencias contrarias ás democráticas.

Marisol Soneira no IES Pedra da Aguia

Do Pazo do Hórreo a Bruxelas

A seguinte parada deste alumnado de 3º da ESO será en decembro, cando teñan que visitar o Pazo do Hórreo, sede do poder lexislativo galego. Será o preludio da viaxe que teñen programada para finais de xaneiro que os levará a coñecer as institucións comunitarias en Bruxelas.

 

Mentres, xa están a traballar no proxecto “activistas polo mundo que queremos” no que terán que crear varios podcasts sobre racismo, medio ambiente, feminismo e realidade LGTBIQ*