O profesorado do IES Pedra da Aguia fórmase en Bulgaria

Valente a aposta do profesorado do IES Pedra da Aguia pola formación continua. Tres mestres do centro da Ponte do Porto stiveron na localidade búlgara de Plovdiv para visitar tres centros de secundaria, nunha visita que se encadra dentro da fase internacional do programa Observa_Acción, que coordina o CFR da Coruña e no que tamén participaron os institutos Elviña e David Buján.

O programa Observa_acción ten como obxectivo a observación entre iguais, neste caso profesores, para aprender novas formas de organización, metodoloxía e didáctica. Non se trata de avaliar o labor dos docentes senón de ver como se desenvolven co alumnado. Ao mesmo tempo, interesa coñecer a distribución de espazos, a xestión dos recursos materiais e o funcionamento xeral dos centros para extraer o positivo e tentar poñelo en práctica aquí.

A protagonista foi Plovdiv, a segunda cidade máis importante do país, despois da capital Sofía, cunha poboación similar á da Coruña. Pertence á rexión de Tracia e un dos seus produtos estrela é o aceite de rosas. Foi Capital Cultural Europea en 2019

A experiencia foi desde logo moi gratificante e enriquecedora, explica o membro do centro camariñán, Jacobo Santos. Hai que ter en conta que Bulgaria ten o salario mínimo máis baixo da Unión Europea, o índice de pobreza infantil máis alto e unhas infraestruturas que, aínda que melloraron substancialmente desde 2007, manteñen o recordo da súa pertenza ao bloque soviético.

"Unha das cousas que máis chamou a nosa atención foi o estudo dos idiomas, nos que se mergullan a partir de secundaria, conseguindo uns niveis competenciais moi altos. Nun dos institutos visitados tiñan o español como primeira lingua estranxeira e daba gusto oílos falar. Quizá fose porque durante os dous primeiros anos de aprendizaxe dedícanlle ata 18 sesións lectivas (40 minutos) á semana. Se as comparamos con nosas pírricas tres horas semanais de inglés ou francés, podemos comprender as nosas carencias lingüísticas", explica.

Outro punto forte a destacar foi o da conciencia ecolóxica. Numerosos espazos verdes, moi ben coidados e recordatorios continuos nos corredores e nas zonas de paso.

A Santos parécelle moi "loable o que manteñan o alfabeto cirílico como forma de expresión escrita, aínda que convivan igualmente co latino. A súa entrada na Unión Europea non implicou a súa desaparición. Folclore, iconografía ortodoxa e costumes populares conviven en harmonía. Con todo, non renuncian á modernidade".

Outro debate moi actual é a dixitalización. "Nas súas aulas mestúranse recursos analóxicos e dixitais, uniformes e roupa de rúa, dispositivos electrónicos e mobiliario arcaico, alumnos de primaria e alumnos de secundaria".

Máis novas