O centro vimiancés do CFR tende pontes didácticas con Portugal

Membros do centro colaborador en Vimianzo do Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña veñen de desprazarse a Portugal para tecer pontes didácticas co país veciño. Pedro Lado e Xosé María Varela estiveron na sede do Centro de Formação Vale do Minho co obxectivo de “fortalecer laços e discutir futuras colaborações”.
A comitiva galega está organizando unha xornada internacional de radio, e fomentando o proxecto Ponte nas Ondas, recentemente recoñecido pola UNESCO. Un xeito de enriquecer as prácticas pedagóxicas ao dous lados do Miño, e de fomentar o achegamento lingüístico entre as dúas realidades lusófonas.
A reunión tratou ademais a importancia da formación continua do profesorado e a implementación de proxectos educativos innovadores. As comitivas tamén quedaron en colaborar en proxectos Erasmus, para unir ás comunidades educativas.