Os radioactivistas do IES Pedra da Aguia

Verónica Couto dirixindo os obradoiros de radio de Agareso no IES camariñán

Magnifico o proxecto “activistas polo mundo que queremos” que desenvolve a ONG Agareso no IES Pedra da Aguia. Xa ao remate do primeiro trimestre realizaron varias accións formativas de achegamento ao activismo social e á comunicación transformadora. Desta volta tocou levalo á práctica, gravando varios programas para radio e podcast.

Os xornalistas bergantiñán Verónica Couto e Eloi Fernández dirixiron a gravación, despois dun completo proceso de documentación (foron mesmo ata Bruxelas) e redacción dos guións. En grupos de 4 ou 6 alumnos foron pasando polos micros, e malia ser en falso directo os nervios xogaron algunha mala pasada que non pasou de anécdota editable.

Contaminación, Igualdade, Homofobia, ou Racismo, entre os temas escollidos

O alumnado abordaba os diferentes temas con enxeño, entrevistando por exemplo a un pellet para saber como chegara á costa galega. Non foi a única entrevista, xa que un eurodeputado no propio Parlamento Europeo desde Bruxelas contou os logros e deberes da igualdade de xénero. Falaron taén cunha mariscadora preocupada pola abundancia de lixo nos areais e cunha persoa do colectivo LGTBIQ+ que contou a súa propia experiencia.

A loita antirracista centrouse a través de grandes activistas do pasado, pero tamén a través dun percorrido polos cinco continentes e o novo racismo da sociedade actual.

E radio”

A gravación foi todo un éxito, xa que os alumnos tamén aprenderon a facer a lista de radios coas súas pausas, melodías e spots publicitarios. Unha vez editado, estará dispoñible na canle de Agareso da plataforma Ivoox.

Última fase

Agora queda a última parada do proxecto, que será en abril. O martes 9, dúas mulleres activistas colombianas da asociación Forjando Futures visitarán o Instituto camariñán para contar o traballo que realizan na zona de Medellín e para responder a todas as preguntas que fan os estudantes.

Pero ademais tamén realizarán con Agareso antes de que remate o curso unha recollida de lixo na praia, unha cobertura das eleccións europeas e un repaso ao traballo de ACNUR.

 

Máis novas