Un corazón para celebrar os 25 anos da Mostra do Encaixe

Un corazón humano de palillo co eslogan “Descubrindo Camariñas-Corazón do Encaixe”. Ese é a imaxe do cartel da XXV Mostra do Encaixe que vén de presentar o concello camariñán, para dar a coñecer este evento que se celebrará na localidade entre os días 1 e 5 de abril, coincidindo coas vacacións de Semana Santa.

A organziación quere destacar que “o encaixe de Camariñas sae do corazón, que nosas palilleiras palillan de corazón nas súas creacións e as persoas que o compran teñen un gran corazón á hora de adquirilo, posto que valoran o traballo ben feito”, tal como indica a directora da Mostra, Dolores Lema. Unha idea paralela ao feito de que, por Semana Santa, a vila palilleira convírterse no centro da moda a nivel mundial, colocando ao Encaixe como un dos produtos 1ue mellor mestura artesanía, moda e deseño.

A idea deste cartel xurdiu do diseñador Franco Quintáns e as encargadas do Museo do Encaixe encargáronse de palillar o deseño. O autor da imaxe é o fotógrafo de moda Máximo Arroio.

A XXV Mostra do Encaixe tamén será presentada o próximo 29 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid, dentro do stand de Turgalicia.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal)