A Xunta pon en valor a reforma integral do CEIP Areal ante as queixas doutros centros

Visita da Xunta ao CEIP Areal de Camarinas
  • ANPA e Concello de Zas critican a ausencia de orzamento para o CEIP Labarta Pose, a pesar dos compromisos adquiridos hai preto de dous anos. 
  • E o Conselleiro responde asegurando que o proxecto de rehabilitación integral do centro baiés están en redacción, cun orzamento aproximado de 1M, e que se licitarán en breve.

Visitaba onte o CEIP Areal de Camariñas unha comitiva da Xunta presidida polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. O mesmo Conselleiro que non se cansa de mentirlle ás familias en materia de recortes do profesorado

Xa ratificaba a semana pasada a Xunta o investimento de 1,1 millón de euros na reforma integral do centro camariñán, pero tiña que achegarse unha comitiva completa para presentar o proxecto, enmarcado do paquete das primeiras 16 obras que vai executar a Xunta en centros educativos este ano, por máis de 16 M€, e conta cun prazo de execución de 9 meses desde o inicio dos traballos.

O programa de actuación inclúe o cambio da cuberta por unha nova de panel tipo sandwich con illamento térmico, dun  total de 1.726 m², así como a instalación de sistema SATE nos 1.864 m² de fachadas. Así mesmo, mudaranse as 87 fiestras  exteriores e 69 portas que aínda non foran aínda renovadas. Tamén se incorporarán novas luminarias no recinto exterior do colexio, que non existen na actualidade, e acometerase o acondicionamento acústico interior do patio cuberto a base de chapas microperforadas de aceiro galvanizado lacado e panel interior de la de vidro.

No interior do edificio instalaranse nova iluminación (337 luminarias en total) e falsos teitos e realizaranse tarefas de pintado, ademais de realizarse outras melloras complementarias.  

A intervención inclúe tamén a mellora da accesibilidade do centro, coa construción e adecuación de ramplas desde os patios ata o colexio e a redistribución do núcleo de aseos da planta baixa para crear dous aseos adaptados.

16 grandes, e outras grandes ausencias

Mira que non hai centros en Galicia con grandes necesidades, pero a Xunta anuncia 16 reformas integrais para este 2016.

Entre elas non está a do CEIP Labarta Pose, cuia ANPA xa denunciou esta carencia nas redes sociais. Tamén o Concello de Zas vén de solicitar unha reunión de carácter uxente tras coñecerse a ausencia total de investimentos autonómicos no CEIP de Baio, a pesar dos compromisos adquiridos hai preto de dous anos. 

Respondía o Conselleiro ao longo da mañá na súa visita a Baio, asegurando  Consellería de Educación ten neste momento en redacción o proxecto de rehabilitación integral deste centro, co obxectivo de avanzar na súa concreción a nivel técnico. As previsións iniciais sitúan o orzamento desta intervención en torno a 1.000.000 €. Licitarase cando todo o expediente administrativo-arquitectónico estea rematado.

Precisamente ese tempo é o que leva traballando o goberno local coa ANPA e a dirección do centro de xeito coordinado coa Consellería de Educación dependente da Xunta de Galicia para impulsar unha mellora integral neste centro, o que incluía, presuntamente, o cambio na cuberta, melloras no edificio, no comedor e noutras instalación. Estes compromisos xa foran trasladados persoalmente ás tres partes e mesmo técnicos da propia Consellería visitaron o centro para poder contratar as obras comprometidas.

O seguinte paso, recalca o primeiro edil, será “estudiar a adopción de medidas en colaboración coa ANPA, para que a Consellería de Educación execute o comprometido.”