A Xunta ratifica, coa súa licitación, a reforma integral do CEIP O Areal de Camariñas
Despois da polémica xerada entre a socialista Patricia Iglesias e a popular Paula Mouzo, finalmente a Xunta si confirma o investimento na rehabilitación integral do Colexio O Areal, en Camariñas. A intervención no colexio camariñán, que conta cun orzamento de máis de 1,1 M€, ten como obxectivo renovar por completo a envolvente do centro para mellorar o confort térmico da comunidade educativa no seu día a día e a eficiencia enerxética das instalacións.
Para isto, o programa de actuación inclúe o cambio da cuberta por unha nova de panel tipo sándwich con illamento térmico, dun total de 1.726 m², así como a instalación de sistema SATE nos 1.864 m² de fachadas. Así mesmo, mudaranse as 87 fiestras exteriores e 69 portas que aínda non foran aínda renovadas. Tamén se incorporarán novas luminarias no recinto exterior do colexio, que non existen na actualidade, e acometerase o acondicionamento acústico interior do patio cuberto a base de chapas microperforadas de aceiro galvanizado lacado e panel interior de la de vidro.
No interior do edificio instalaranse nova iluminación (337 luminarias en total) e falsos teitos e realizaranse tarefas de pintado, ademais de realizarse outras melloras complementarias.
A intervención inclúe tamén a mellora da accesibilidade do centro, coa construción e adecuación de ramplas desde os patios ata o colexio e a redistribución do núcleo de aseos da planta baixa para crear dous aseos adaptados.
