30 actividades para o verán do “Eu quero Razo-Baldaio”

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez e o edil de Medio Ambiente Miguel Vales en Razo

 

O Concello de Carballo pon en marcha un ano máis o proxecto de concienciación ambiental e turismo consciente Eu quero Razo-Baldaio. Tras a boa acollida recibida nas edicións anteriores, as concellarías de Medio Ambiente e Innovación, en colaboración con diversas entidades científicas e ecoloxistas, deseñaron unha completa programación que se desenvolverá ao longo de todo o verán co obxectivo de poñer en valor o litoral carballés.

 

O programa deste ano destaca por unha forte aposta pola divulgación científica e o uso de novas perspectivas para entender o ecosistema costeiro. Unha vez máis contamos coa implicación das entidades ecoloxistas Senda Nova, Limpocean, Adega e Hábitat, pero tamén doutras empresas e colectivos como Acciona, Club de xadrez O Toque Xiria, Protección Civil e Aprende a través do surfing.

Nesta ocasión tamén apostamos polo enfoque científico, e, así, dentro do proxecto europeo Talento quilómetro cero (TALK0), están previstos dous obradoiros sobre paleontoloxía e formación de cristais co Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña (UDC). E, a maiores, como complemento do programa Eu quero Razo-Baldaio, nace SolxCiencia, con dúas xornadas de divulgación científica nos bares. 

 

 

Máis de dous meses de actividades

4 de xullo | Paleoecoloxía
O programa arrinca cunha proposta divulgativa da man do grupo GRICA da Universidade da Coruña. A actividade permitirá descubrir como os rexistros naturais axudan a reconstruír os ecosistemas do pasado e comprender a evolución ambiental do territorio.

5 de xullo | Formación de cristais
A xeoloxía será protagonista nun obradoiro práctico centrado nos procesos de formación dos cristais. A actividade achegará ao público conceptos científicos de maneira didáctica e participativa.

8 de xullo | Ruta interpretativa da flora invasora
Un percorrido guiado entre Pedra do Sal e Leira permitirá coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes na costa, os seus impactos ambientais e os retos que supoñen para a conservación dos ecosistemas autóctonos.

11 de xullo | Contar o Mar
A artista Laura Tova conducirá un obradoiro creativo e sensorial no que as persoas participantes transformarán as súas percepcións do mar en creacións artísticas inspiradas en texturas, cores e emocións.

12 de xullo | Mamíferos mariños e simulacro de asistencia a varamentos
A actividade ofrecerá información sobre os mamíferos mariños que frecuentan as nosas costas e explicará os protocolos básicos de actuación ante un posible varamento.

15 de xullo | Polas follas te coñezo
Un obradoiro para aprender a identificar árbores autóctonas e coñecer os seus usos tradicionais, fomentando a conexión co patrimonio natural das parroquias costeiras.

18 de xullo | Recollida de tarugos e lixo mariño
A iniciativa Tarugotón chega a Razo para retirar residuos das praias e concienciar sobre a problemática do lixo mariño e o seu impacto nos ecosistemas costeiros.

19 de xullo | En busca da orixe
Un percorrido por algúns dos lugares máis representativos do patrimonio xeolóxico, histórico e cultural do litoral carballés permitirá descubrir a riqueza e singularidade do territorio.

20 e 29 de xullo | Sol x Ciencia

Xornadas de divulgación científica centradas na eclipse do 12 de agosto nas que participarán investigadores/as da Universidade de Santiago e o director do observatorio astronómico de Trevinca (+ info: 

21, 23, 28 e 30 de xullo; 4, 6, 11 e 13 de agosto | Ioga na praia
As sesións de ioga ao aire libre ofrecerán unha experiencia de benestar e conexión coa natureza nun escenario privilexiado como son as praias de Razo e Pedra do Sal.

22 de xullo | A noite das avelaiñas
Unha actividade nocturna para descubrir a sorprendente diversidade destes insectos e a súa importancia ecolóxica a través da observación directa.

29 de xullo | Fauna e flora das contornas dunares
A actividade permitirá coñecer as especies máis representativas dos ecosistemas dunares de Baldaio e a importancia da súa conservación.

1 de agosto | Explorando as pozas das mareas
As pozas intermareais converteranse nunha aula ao aire libre para descubrir a biodiversidade mariña que habita estes singulares microhábitats costeiros.

2 e 9 de agosto | Limpeza colectiva da marisma de Baldaio
Dúas xornadas de voluntariado ambiental para contribuír á conservación dun dos espazos naturais máis valiosos da comarca.

5 de agosto | Ruta interpretativa praia-marisma de Baldaio
Un paseo guiado para descubrir os valores ecolóxicos da lagoa, as dunas e a marisma, así como os principais desafíos para a súa conservación.

7 de agosto | Noite baixo as estrelas
Unha experiencia de convivencia e aprendizaxe na natureza que combina pernocta ao aire libre, observación do ceo e interpretación ambiental.

8 de agosto | Simulacro de salvamento en Razo
O servizo municipal de socorrismo mostrará os seus medios e protocolos de actuación nun exercicio práctico aberto ao público.

15 de agosto | Xadrez na praia
A praia converterase nun singular taboleiro ao aire libre cunha xornada que combinará simultáneas e torneo de xadrez rápido.

15 de agosto | Monte Neme na noite
Un roteiro nocturno permitirá descubrir o patrimonio histórico e lendario de Monte Neme nun ambiente diferente e especialmente atractivo.

16 de agosto | Iniciación á ilustración de natureza
Unha das ilustradoras de natureza máis recoñecidas achegará ao público as técnicas básicas para representar a biodiversidade mediante o debuxo.

22 de agosto | A túa píllara
O artista Fabián Lage dirixirá un obradoiro creativo para elaborar unha reprodución da emblemática píllara das dunas.

23 de agosto | O teu arroaz
Nova proposta artística para crear unha figura inspirada no arroaz, unha das especies mariñas máis características da costa galega.

30 de agosto | Iniciación á fotografía de natureza
Un taller práctico para aprender a observar e retratar a paisaxe e a biodiversidade do litoral desde unha perspectiva divulgativa e artística.

2 de setembro | Iniciación á ornitoloxía
Baldaio converterase nun observatorio privilexiado para descubrir as aves da zona e coñecer mellor a píllara das dunas.

5 de setembro | Na procura das pegadas dos animais
Un obradoiro teórico-práctico permitirá aprender a identificar rastros e indicios da fauna silvestre presentes na contorna natural de Carballo.

 

A maioría das accións programadas requiriran de inscrición previa debido ao límite de prazas para garantir o mínimo impacto ambiental nas zonas protexidas. As persoas participantes deberán achegarse polos seus propios medios aos puntos de encontro indicados en cada actividade. Máis información: https://carballo.gal/euqueroRB/