luns. 15.06.2026
El tiempo

Sol e Ciencia no verán de Razo e Baldaio

Sol e ciencia razo
Sol e Ciencia no verán de Razo e Baldaio

Ademais de surf, este verán Razo terá unha marea de ciencia. Inspiránse no festival Pint of Science, Carballo levará catro charlas científicas de balde aos establecimentos hostaleiros de Baldaio e Razo no mes de xullo. Baixo o título "Sol x Ciencia", a Concellaría de Innovación presenta un ciclo de divulgación que fusiona o encanto dos solpores carballeses coa divulgación científica de primeiro nivel, tomando como fío condutor a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.

O nome do programa agocha unha dobre lectura: por unha banda, evoca conceptualmente a maxia do solpor, o momento da tarde no que se desenvolverán as charlas; pola outra, emprega a "x" como o símbolo matemático e científico do misterio por resolver.

Programa de actividades

Luns, 20 de xullo | Camping Baldaio (20:30 h)

  • Isabel Lema Gesto – A eclipse a través dos teus ollos: mirar o sol de xeito seguro. A carballesa Isabel Lema Gesto é profesora titular da área de Oftalmoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Conta cunha destacada traxectoria como investigadora no campo das neurociencias clínicas e a patoloxía do sistema visual. Na súa intervención achegará as claves médicas para gozar da eclipse protexendo a saúde ocular. 
  • César González García – Ceos de pedra: eclipses na historia e na cultura. Doutor en Astrofísica e prestixioso investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O seu labor investigador céntrase na Astronomía na Cultura e na Arqueoastronomía, estudando como as diferentes civilizacións humanas ao longo da historia interpretaron e plasmaron os fenómenos celestes e as eclipses.

Mércores, 29 de xullo | Terra Bar - Razo (20:30 h)

  • Begoña Nicolás Ávila – Cando un aliñamento dos astros non é suficiente. Profesora e investigadora na área de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), tamén carballesa. Como especialista en física e na mecánica de corpos celestes, descubrirá ao público a precisión matemática e as variables que rexen os movementos dos astros do noso sistema solar.
  • Óscar Blanco Varela – A eclipse da nosa vida. Director do Centro Astronómico Trevinca, un dos puntos de referencia para a observación estelar en Galicia. Recoñecido astrofotógrafo e divulgador astronómico, Blanco guiará aos asistentes a través dunha viaxe visual e conceptual sobre a magnitude e a singularidade histórica que supón presenciar un eclipse total de sol.

Esta aposta por democratizar o coñecemento en contornas relaxadas e fóra dos ámbitos académicos tradicionais conta co selo do Proxecto Talento km0 (TALK0), promovido pola Concellaría de Innovación do Concello de Carballo e financiado pola Unión Europea dentro do programa MSCA and Citizens


 

Comentarios