7 detidos nunha operación contra unha rede de distribución de drogas en Carballo e A Laracha

Este pasado martes, a Garda Civil culminaba cun enorme despregamento de máis de 80 axentes de diversas unidades, unha operación antidroga coa detención de 7 persoas, e a cinco rexistros domiciliarios en Carballo (Ponte Rosende, O Sixto, Xoane e Avenida de Fisterra) e A Laracha (Avenida de Galicia). Foi no marco da operación, denominada Sixroto-Belotes, desenvolta pola Compañía de Carballo, en colaboración coa Sección de Información da XV Zona de Galicia, e da Policía Local, para desarmar unha importante rede de distribución de drogas que operaba principalmente en Carballo e outras localidades da comarca de Bergantiños.

A investigación, que se iniciou baixo a dirección do Xulgado de Instrución número Uno de Carballo e a Fiscalía correspondente, centrouse na detección dun posible delito de tráfico de drogas que estaba a afectar á zona con varios puntos de venda. Durante a investigación, realizáronse discretas intervencións nas que se incautaron pequenas cantidades de droga a compradores, o que evidenciou a actividade ilícita.

Cinco dos sete detidos teñen relacións familiares, o que fai presumir aos investigadores a existencia dunha estrutura organizativa estable para delinquir, circunstancia que podería agravar a súa responsabilidade penal. Seis das persoas detidas contaban con antecedentes policiais.

Nos rexistros domiciliarios, que contaron con cans detectores de drogas e explosivos do Servizo Cinológico da Comandancia da Coruña e Pontevedra, incautáronse as seguintes substancias e efectos:

  • 445 gramos de Cocaína.
  • 263,5 gramos de Haxix.
  • 8,2 gramos de MDMA.
  • 17,4 gramos de Ketamina,
  • 58,35 gramos de Heroína.
  • 142 gramos de substancia de corte.

Procedeuse ao precintado de 5 vehículos relacionados cos ilícitos investigados e á aprehensión de 33.554,5 euros en efectivo.

A investigación continúa aberta á espera dos resultados das análises periciais das substancias incautadas, a análise dos teléfonos móbiles intervidos e a documentación contable solicitada, polo que non se descartan novas detencións. Os detidos foron postos ao dispor xudicial do Xulgado número 1 de Carballo que decreto o ingreso en prisión de 5 persoas das 7 detidas.

Con esta operación, a Garda Civil considera desarticulada unha importante fonte de distribución de drogas polo miúdo na comarca, asestando un duro golpe a unha actividade que representa un grave problema para a saúde pública e a seguridade colectiva.