A concelleira Silvana Castro deixa hoxe o seu posto no Concello de Carballo

Recuperamos hoxe varias novas da actividade municipal en Carballo destes últimas xornadas. Cousas que nos levan pola construción dnun novo centro social en Ardaña, un contrato para o mantemento das caldeiras do concello e a orde do día do pleno de hoxe, por onde comezamos.

Orde do día do pleno

Hoxe luns 30 a partir das 20.30 terá lugar unha nova sesión plenaria ordinaria no Concello de Carballo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; Silvana Castro, actual Concelleira de Igualdade e Benestar, que presentará a súa renuncia durante a sesión; e Inés Rodríguez, futura Concelleira de Igualdade e Benestar, anunciaron a orde do día, na que destaca a a adxudicación do mantemento e subministro enerxético por 9,3 millóns á UTE formada por Ferroser-Ferrovial.
Como dicimos, outro dos asuntos importantes da orde do día é a renuncia da Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro (á esquerda na imaxe). Segundo explica, trátase dunha decisión "moi meditada" e tomada despois de chegar á conclusión de que non conta con tempo suficiente "para atender esta responsabilidade como se merece". Silvana Castro renuncia despois de dous anos e medio no cargo e será substituída pola seguinte persoa na listaxe do BNG, Inés Rodríguez Muíño (á dereita na imaxe), diplomada en Ciencias Empresariais que lamenta a marcha de Silvana, mais espera "levar esta responsabilidade como mellor se poida".

O pleno contará ademais con dúas mocións do PP carballés. A primeira sobre a pintada que un vándalo fixo nun hórreo antigo que adorna o xardín fronte aos Xulgados de Carballo. Así, pedirán que o Concello repare este atentado cultural e que faga as pesquisas pertinentes para averiguar quen foi o autor da pintada, para sancionalo e reclamarlle os gastos.
Ademais, o PP pedirá que o Concello repoña a sinalización horizontal (marcas de carrís e arcéns) nun tramo da rúa Negreira, entre a rúa Gravador Facal e rúa Vila de Corcubión.

Mantemento da sala de caldeiras da Casa do Concello

Asinado quedou o contrato pola "Reforma da sala de caldeiras da casa consistorial do Concello de Carballo", traballos que realizará a empresa Portec SL. por un importe de 99.919,02 euros e o prazo de execución previsto de catro semanas.

Novo centro social en Ardaña

Ademais, o pasado venres tiña lugar a sinatura do contrato pola que o Concello merca un terreo na parroquia de Ardaña, a medias coa veciñanza, para a construcción no futuro dun centro social. Estiveron na sinatura os propietarios do solar, de máis de 2.500 metros cadrados; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e representantes dos veciños e veciñas da parroquia que se encargaron da recadación dos cartos.

O obxectivo final é edificar un novo centro social nos terreos, aínda que, debido á clasificación actual do solo, haberá que esperar á aprobación final do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder realizar o proxecto.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.