O edificio do Casino de Carballo está en risco. A especulación inmobiliaria pon en perigo a un dos edificios máis emblemáticos da vila e que é todo un símbolo tanto a nivel municipal como comarcal. E a nova directiva deste centro cultural non queda de brazos cruzados ante esta ameaza. Polo que esta noite, ás 20:30 horas, celebrarase unha asamblea á que están convidados a participar todos os socios e socias así como persoas vinculadas con este lugar. "Xógase co futuro do Casino de Carballo polo que agardamos que unha vila que aprendeu de erros pasados e que berra, alto e claro, que a desfeita urbanística de que foi vítima en décadas do pasado século son cousa da historia, historia negra, e que non estamos dispostos a deixar que isto se repita. O Casino precisa máis ca nunca dos seus socios e de todo aquel que sinta que non se pode perder este símbolo, non só de Carballo, senón de toda a contorna. Chegou o día de nos amosarmos unidos como pobo. Unidos, facendo fronte común polo ben de xeracións presentes e futuras. Non é o momento de quedar de brazos cruzados. Non podemos", sinalan nun comunidado de prensa.
Segundo indican o "Casino é patrimonio vivo de Carballo" polo que "hoxe é o día en que, desde a directiva, reclamamos á masa social e ao pobo de Carballo para facer unha fronte común que mande unha mensaxe meridianamente clara de que o Casino non se tira. Unha asemblea masiva que se convirta nun berro de defensa do noso patrimonio, a nosa cultura e a nosa historia. Un pobo sen historia é un pobo morto, sen memoria non somos ninguén".